Kemi Badenoch, filla de inmigrantes nixerianos, nova líder dos conservadores británicos
Kemi Badenoch, filla de inmigrantes nixerianos, nova líder dos conservadores británicos
Uns 120.000 militantes tories participaron na votación final que deu vencedora a Badenoch fronte ao seu rival, Robert Jenrick, tamén da á dura do partido
A deputada e exministra de Empresa Kemi Badenoch foi elixida líder do Partido Conservador británico tras unha elección entre os afiliados da formación.
Badenoch, de 44 anos, substitúe así ao antigo primeiro ministro Rishi Sunak, que decidiu dimitir pola derrota sufrida polo partido nas eleccións xerais británicas do 4 de xullo.
A nova líder responde ao nome de Olukemo Olufuntu Badenoch, coñecida como Kemi Badenoch, filla de inmigrantes nixerianos e upada pola á dereita e as bases do partido.
A nova responsable dos 'tories' venceu ao outro aspirante ao liderado, o exsecretario de Estado de Interior Robert Jenrick. PArticiparon uns 120.000 militantes tories na votación final.
Badenoch obtivo un total de 53.806 votos e Jenrick 41.388 apoios, mentres que a participación electoral foi do 72,8 %.
Nada hai 44 anos en Wimbledon, filla de inmigrantes de clase media do pobo Yoruba, o pai médico e a nai psicóloga, Badenoch pasou a maior parte da súa infancia en Lagos e nos Estados Unidos, estudando en colexios privados ata licenciarse en enxeñería informática pola Universidade de Sussex ao seu regreso ao Reino Unido.
No seu primeiro discurso, Badenoch recoñeceu a necesidade dos conservadores de "renovar os seus compromisos para atraer aos británicos".
Agradeceulle a Rishi Sunak polo seu traballo á fronte do partido e a outros deputados que aspiraban a liderar a formación agora na oposición. Tras indicar que foi "unha enorme honra" ser elixida líder, precisou que o labor do partido é "facer que este Goberno laborista renda contas" e preparar á formación para o futuro.
Badenoch recoñeceu que a tarefa que ten o partido por diante é "dura pero sinxela" e que outro dos seus obxectivos é recuperar os votantes que non os apoiaron nos comicios.
Agregou que a formación ten que admitir que cometeu "erros" e que agora hai que darlle ao país un "novo comezo". "É hora de poñerse ao choio, é hora de renovarse", puntualizou a política nun breve discurso.
Badenoch e Jenrick sometéronse nas últimas semanas á votación dos afiliados, despois de que fosen eliminados varios candidatos nunha serie de votacións celebradas nos últimos meses entre os deputados conservadores.
Nos comicios xerais do 4 de xullo, os conservadores perderon 250 escanos e quedaron con tan só 121 dos 650 que conforman a Cámara dos Comúns do Parlamento, que se elixen polo sistema maioritario uninominal.
Foio nivel de apoio máis baixo que nunca recibiu o partido, por baixo do rexistro de 1906, cando os conservadores obtiveron 156 escanos.