Kíiv destrúe con armas occidentais un obxectivo militar en territorio ruso
Kíiv destrúe con armas occidentais un obxectivo militar en territorio ruso
Un HIMARS de fabricación estadounidense atacou un sistema antiaéreo despregado no óblast ruso de Bélgorod
É a primeira vez que Ucraína usa o permiso concedido por unha decena de aliados para usar o seu armamento en Rusia
O Exército ucraíno fixo uso por primeira vez do permiso recibido dos EUA e doutros aliados occidentais para utilizar o armamento que lle envían contra certos obxectivos militares situados dentro de Rusia destruíndo cun HIMARS de fabricación estadounidense un sistema antiaéreo despregado no óblast ruso de Bélgorod.
“As forzas ucraínas golpearon unha batería de defensa aérea rusa S-300/400 no óblast de Bélgorod, presumiblemente con (un sistema) HIMARS, o 1 ou o 2 de xuño”, escribe no seu parte diario sobre o conflito o Instituto para o Estudo da Guerra (ISW) de Washington, que cita información xeolocalizada de fontes abertas para chegar a esta conclusión.
O ISW engade que o sistema de defensa aérea destruído parcialmente estaba situado ao norte da cidade de Bélgorod, capital rexional do óblast homónimo.
“O S-300/400 estaba situado a uns 60 quilómetros da actual liña da fronte no norte do óblast (ucraíno e fronteirizo con Bélgorod) de Járkov e a máis de 80 quilómetros da cidade de Kharkov, o que queda dentro do alcance dos HIMARS pero excede o doutros sistemas múltiples de lanzamento de foguetes” cos que conta Ucraína, sinala o ISW.
A destrución con armas occidentais dun sistema de defensa aéreo ruso foi confirmada onte á noite na súa conta de Facebook pola viceministra ucraína de Reintegración dos territorios ocupados, Irina Vershchuk, que non especificou o tipo de armamento utilizado no ataque.
Unha decena de aliados deron permiso para usar o seu armamento
Ucraína recibiu nas pasadas semanas permiso de máis dunha decena de países aliados para golpear certos obxectivos militares rusos situados dentro da Federación Rusa co armamento que estes envían a Kiev. Ata o de agora non lle permitían utilizar as súas armas para atacar territorio ruso por temor a posibles represalias de Moscova.
Os Estados Unidos foron dos últimos en sumárense á listaxe de países que levantan a prohibición, aínda que segue limitando o uso das súas armas a certos obxectivos militares dentro de Rusia que os rusos utilizan para atacar a rexión de Kharkov.
A ofensiva transfronteiriza lanzada por Rusia a mediados do mes pasado contra a rexión de Járkov, onde conseguiu abrir unha nova fronte, disparou a preocupación tanto en Kíiv como nas capitais occidentais.
Ucraína iniciou entón unha campaña para que se lle permita atacar coas armas que recibe as concentracións de tropas, lanzadeiras de mísiles, sistemas de artillería, avións e outros obxectivos militares que Rusia utiliza para atacar Kharkov desde o seu propio territorio.
A presión ucraína fixo efecto e Kíiv xa pode golpear determinados obxectivos dentro de Rusia, aínda que aspira a que os seus socios eliminen por completo as restricións no uso das súas armas contra obxectivos lexítimos que están en territorio ruso.