A princesa Leonor chega esta tarde a Marín para iniciar o seu 2º ano de formación militar
A princesa Leonor chega esta tarde a Marín para iniciar o seu 2º ano de formación militar
O ingreso da herdeira á Coroa de España nas instalacións da Escola Naval Militar da Armada está previsto a partir das sete da tarde
Entrará soa, vestida co uniforme de especial relevancia, para unirse despois da recepción oficial aos alumnos de terceiro
Despois dun primeiro período de formación no Exército de terra, en Zaragoza, a princesa Leonor pon hoxe fin ás súas vacacións de verán e vén a Galicia para continuar coa súa formación militar na Armada española.
Trinta e oito anos despois do ingreso de seu pai na Escola Naval, a princesa prosegue os seus estudos castrenses, que rematarán dentro de dous anos tras o seu paso tamén polo Exército do aire e do espazo.
"A formación militar é esencial porque leva consigo valores: compromiso, lealdade, solidariedade cos cidadáns e liderado, que é moi importante para quen vai ser a futura xefa do Estado", declarou a Ministra de Defensa, Margarita Robles, nunha visita ás instalación na ENM horas antes da recepción da Princesa.
A futura raíña durmirá nunha liteira, nun cuarto con outras tres gardamariñas. Tamén no comedor, Leonor, chamada a ser xefa das Forzas Armadas, vai ser unha máis. Aínda que o cuartel de alumnos incorporou por razóns de intimidade e seguridade algunhas reformas.
O ferrolán Pedro Cardona Suanzes, director da escola, seguirá de preto a formación da xa alférez Borbón Ortiz.
O adestramento físico dun gardamariña inclúe remo, vela, agatuñar polo mastro do patio, atletismo, natación... e moita teoría. Oito horas de clase diarias, en que se incorporan prácticas coas últimas tecnoloxías, como a realidade aumentada.
A navegación en plena tempestade ou a orientación polas estrelas forman parte dun réxime de instrución que na propia Escola Naval de Marín consideran moi esixente e que rematará o vindeiro xullo, tras case cinco meses de cruceiro de instrución a bordo do Juan Sebastián de Elcano.