López Gil: "Maduro meteu en prisión máis de 2.000 persoas acusadas de terrorismo"
López Gil: "Maduro meteu en prisión máis de 2.000 persoas acusadas de terrorismo"
O pai do opositor venezolano advirte que en Venezuela non hai ningunha garantía procesual nin respecto aos dereitos humanos
O disidente venezolano e exeurodeputado, Leopoldo López Gil, valoraba nunha entrevista no Galicia por Diante da Radio Galega a detención de dous españois en Venezuela aos que o réxime de Maduro acusa de terrorismo e dun intento de asasinar o presidente do país.
López Gil, pai do opositor Leopoldo López, apunta que, desde que se celebraron as eleccións, o réxime de Maduro puxo en prisión máis de 2.000 persoas ás que acusa de "seren terroristas e desestabilizadoras". Lembrou que incluso Edmundo González Urrutia foi acusado destes delitos por parte da Fiscalía venezolana.
O disidente venezolano, exiliado en España desde o ano 2014, advirte que en Venezuela "non hai ningunha garantía procesual".
"Isto demostrouno non só a oposición venezolana senón tamén os informes de Nacións Unidas, que publicou un informe devastador condenando as accións irregulares do Goberno de Maduro non só en canto a non respectar os dereitos humanos senón tamén sobre desaparicións forzosas".
López Gil cre que o Goberno español debería recoñecer a Edmundo González Urritia como presidente electo e cumprir co mandato do Congreso dos Deputados que esta semana aprobou unha proposición non de lei, a instancias do PP, na que se pedía este recoñecemento.
Amosouse moi crítico co expresidente do Goberno, o socialista José Luis Rodríguez Zapatero, ao que acusa de ser "un axente que representa os intereses do réxime chavista e de Maduro".
Cre que a crise diplomática entre España e Venezuela non irá a máis polas relacións económicas e comerciais entre os dous países.
"O terceiro socio comercial de Venezuela é España. Exporta petróleo a Repsol. Os negocios co exterior son pequenos e Venezuela ten poucos ingresos e non se poden permitir saír do terceiro socio sen causar un problema serio nos poucos ingresos que teñen en divisas no Banco Central de Venezuela. Non creo que vaia progresar máis aló dun pantallazo publicitario".