Publicador de contidos
Publicador de contidos

Líderes de 17 países, entre eles España, apoian o plan de Biden para Gaza

Líderes de 17 países, entre eles España, apoian o plan de Biden para Gaza

O Goberno británico difundiu o comunicado en que instan Hamas e a Israel a aceptar ese plan do presidente dos EUA

Os presidentes de Francia e dos EUA nos actos conmemorativos do Desembarco de Normandía (REUTERS/Benoit Tessier) Os presidentes de Francia e dos EUA nos actos conmemorativos do Desembarco de Normandía (REUTERS/Benoit Tessier)
G24.gal 06/06/2024 13:22

Os líderes de 17 países, entre eles España, Colombia, A Arxentina, Francia ou o Reino Unido, apoiaron este xoves nunha declaración conxunta a iniciativa do presidente estadounidense, Joe Biden, para Gaza e instaron o grupo palestino Hamas e a Israel a aceptalo.

O Goberno británico difundiu o comunicado, no que os asinantes aseguran que un acordo para o cesamento do fogo e a liberación dos reféns abrirá "oportunidades para unha paz duradeira máis resistente e unha solución de dous Estados". 

"Como líderes de países profundamente preocupados polos reféns retidos por Hamas en Gaza, incluídos moitos dos nosos propios cidadáns, apoiamos plenamente o movemento cara a un acordo para o cesamento do fogo e a liberación dos reféns sobre a mesa e segundo o delineado polo presidente Biden o 31 de maio", sinala a declaración.

A xuízo destes 17 dirixentes, incluído Biden, "non hai tempo que perder", polo que instan a Hamas a que acepte un acordo "co que Israel está listo a proceder" e comece a soltar aos reféns.

Para os asinantes, a iniciativa, ademais de establecer un cesamento do fogo inmediato e a rehabilitación de Gaza, ofrecería garantías de seguridade para israelís e palestinos. "Neste momento decisivo, chamamos aos líderes de Israel así como aos de Hamas a que fagan os compromisos finais necesarios para pechar o acordo e dar asistencia ás familias dos nosos reféns, así como a aqueles nos dous bandos deste terrible conflito, incluídos os civís", engaden.

Os líderes dos países, entre os que tamén están Austria, O Brasil, Bulgaria, O Canadá, Dinamarca, Alemaña, Polonia, Portugal, Romanía, Serbia e Tailandia, consideran que "é hora de que a guerra termine, e este acordo é o punto de partida necesario". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade