Lino López: "O segredo é que as xogadoras traballan polo equipo, non polo ben individual"
O adestrador do Baxi Ferrol estaba moi ledo, pero consciente do duro traballo que queda a vindeira semana en Francia
Lino López rematou o partido máis que satisfeito do rendemento de todas as xogadoras do Baxi Ferrol. Gañarlle por 31 puntos a un rival do potencial do Lión non está ao alcance de calquera e conseguiuno un modesto equipo da Liga Feminina como o Uni. "As xogadoras traballan polo equipo, non polo ben individual" sinalou o adestrador ferrolán.
De todos os xeitos López quixo deixar moi claro que estaba dado o primeiro paso pero quedaba moito para estaren na final. Só había que mirar os precedentes dos partidos xogados polo Lión na casa. "Gañáronlle ao Xirona en cuartos por 21 de diferenza e a Galatasaray en oitavos por 30 puntos nos partidos que xogaron como locais", subliñaba Lino López. "Hai que centrarse en cada posesión, en cada defensa. Non pensar na vantaxe que temos", recalcou.