Épico partido do Baxi Ferrol, que viaxará a Francia con 31 puntos de vantaxe
O cadro ferrolán, que comezou perdendo 0-9, pasoulle por riba ao Lyon e acabou gañando por 93-62
Épico partido do Baxi Ferrol, que viaxará a Francia con 31 puntos de vantaxe sobre o Lyon, un equipo potentísimo que acabou superado polo cadro ferrolán. O resultado final (93-62) dálle licenza para soñar coa final da Eurocup ao Baxi.
O partido comezou do peor xeito para o equipo ferrolán. O Lyon abriu o partido cun parcial de 0-9. Lino López pediu un tempo morto e a reacción foi inminente. Melia anotou 7 puntos seguidos e Pospisilova acompañouna para remontar xusto ao final do primeiro cuarto (24-19).
O conxunto ferrolán chegou a completar un parcial de 17-0 para poñerse con doce puntos de vantaxe (31-19). Movíase o cadro galego arredor dos dez puntos ata que no final do segundo cuarto deu outro golpe de temón para chegar ao descanso coa meirande diferenza do partido (49-30). Melia era imparable baixo os aros con 14 puntos no intermedio.
O Lyon buscou a reacción no terceiro cuarto, pero atopouse cun Baxi Ferrol moi sólido. Melia seguía anotando con facilidade, ben acompañada por Pospisilova e Blanca Millán. Unha tripla da santiaguesa puxo unha máxima vantaxe de 28 puntos (68-40). Entrouse cun 72-46 no último cuarto.
No derradeiro apareceu a capitá Gala Mestres, que contivo as acometidas do Lyon. Unha tripla de Millán e unha canastra de Melia poñían a diferenza nos trinta puntos (87-57) e chegou a ter o Báxi unha máxima de 33 (91-58). Ao final a cousa quedou en 31 (93-62), algo co que nin os máis optimistas soñaban ao comezo do partido.