Publicador de contidos
Publicador de contidos

A cota de neve sobe aos 1.000 metros e Manzaneda abre dezaoito pistas

A cota de neve sobe aos 1.000 metros e Manzaneda abre dezaoito pistas

Cómpre circular con precaución polas estradas da montaña de Lugo e Ourense, onde houbo acumulacións importantes

A estación de Manzaneda abriu ao público con dezaoito pistas e case catorce quilómetros esquiables

G24.gal 10/03/2024 09:24 Última actualización 10/03/2024 20:44

Amaina o temporal pero a neve, que caeu con intensidade este sábado, vai permanecer nas zonas altas durante boa parte da xornada. A cota, situada nos 1.000 metros a primeira hora, vai subir ata os 1.200 ao remate do día. 

Aínda así, cómpre circular con precaución polas estradas de montaña de Lugo e Ourense onde nas últimas horas houbo acumulacións por riba dos vinte centímetros de espesor. Nas vías máis altas, hai restricións para camións e vehículos articulados.

Situación no Cebreiro

Coa cota de neve en ascenso e as temperaturas tamén subindo, o Cebreiro é un destino familiar para pasar o día ao aire libre.

A neve caída este domingo entorpece a circulación na estrada LU-633 dende Pedrafita ata Quiexadoiro, en ambos os dous sentidos. A DXT prohibiu o paso a camións e vehículos articulados.

Coas folerpas caídas deste domingo, a montaña de Lugo parece ir despedindo a neve. Para o luns hai previsóns unicamente dalgún chuvasco e temperaturas por riba dos cero graos.

Esquí en Manzaneda

A estación de Manzaneda abriu as súas portas este domingo tras unha nevarada como non lembran dende hai tempo.

"Hai sitios que hai case dous metros e medio de neve, hai ventisqueiros que chegan aos dous metros corenta, dous metros cincuenta. Hoxe tamén caeron outros vinte ou trinta centímetros de neve e tentamos que goce todo o mundo", asegura Víctor Picos, director das instalacións.

Dezaoito pistas e case catorce quilómetros esquiables déronlle a  benvida a visitantes e amantes do esquí.

"Témola aquí moi pretiño da casa, unha estación galega e a gozala a tope, hai bastante xente pero se esquía bastante ben".

"Nevou de noite e a neve está po por riba e está moi boa, o que pasa é que hai moi pouca visibilidade".

"Está moi bonita, a verdade é que hai moitísimos anos que non vía tanta neve coma este ano".

Moita neve que trae consigo ata aquí non só deportistas.

"Cando xorden estas oportunidades fantásticas dunha caída de neve como é o caso pois hai que aproveitalo".

"Eu veño do Brasil e isto non o vira na miña vida".

"Xa había moitas ganas, hai que gozalo mentres se poida".

"Aquí na neve sempre se pasa ben e se desfruta, a verdade".

"A verdade é que si, a gozalo e a pasalo ben".

Agora toca din, mirar ao ceo nos próximos días e confiar en que as condicións meteorolóxicas axuden a manter a neve en boas condicións as vindeiras semanas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade