Publicador de contidos
Publicador de contidos

Liz Truss sucede a Boris Johnson e será primeira ministra británica

Liz Truss sucede a Boris Johnson e será primeira ministra británica

A nova líder dos conservadores británicos promete cumprir coa baixada de impostos que prometeu e resolver a crise enerxética

Unha nova dama de ferro enfrontada a Europa

G24.gal 05/09/2022 13:38 Última actualización 05/09/2022 20:53

A ministra británica de Exteriores Liz Truss é a nova líder do Partido Conservador e converterase por tanto en primeira ministra do Reino Unido, tras impoñerse nas eleccións primarias dos tories ao extitular de Economía Rishi Sunak, segundo anunciou este luns a formación nun acto en Londres.

Graham Brady, presidente do influente Comité 1922, que agrupa os deputados conservadores sen carteira, deu a coñecer o nome do gañador nun evento celebrado nun centro de conferencias próximo ao Parlamento británico, en Londres.

Ao dar a coñecer a vitoria, Brady cualificou de "libre e xusto" o proceso interno para elixir á nova líder e indicou que tivo unha participación do 82,6 %. Truss obtivo 81.326 votos entre os afiliados mentres que Sunak recibiu 60.399 apoios.

A nova líder do Partido Conservador prometeu "gobernar coma unha conservadora" e cumprir o seu compromiso de baixar impostos, resolver a crise enerxética e arranxar a sanidade pública.

"Fixen campaña como conservadora e gobernarei como conservadora. Cumprirei coa baixada de impostos, coa crise da enerxía (...) e co NHS (sistema público de sanidade)", dixo no seu primeiro discurso tras vencer nas primarias tories.

Truss tivo palabras de recoñecemento para o seu predecesor, o dimisionario Boris Johnson, a quen cualificou de "amigo": "Boris, culminaches o Brexit, esmagaches a (Jeremy) Corbyn, despregaches a vacina, e plantaches cara a Putin", dixo.

Coa consigna clara, que repetiu en varias ocasións, de "cumprir" coas súas promesas, a nova líder conservadora asegurou que dará a coñecer un "plan valente para baixar impostos e facer crecer a economía".

Tamén se comprometeu a obter resultados contra a crise enerxética "lidando coas facturas da xente, pero tamén cos problemas a longo prazo coa subministración".

E cerrou as súas palabras garantindo que levará ao Partido Conservador a unha "gran vitoria" nas eleccións xerais previstas para 2024.

Truss substituirá este martes a Boris Johnson á fronte do Executivo, unha vez que sexa recibida pola raíña Isabel II no castelo de Balmoral (Escocia).

Nesa cita, Johnson presentará formalmente a súa dimisión e, pouco despois, Isabel II chamará a nova líder do partido para pedirlle que forme un novo Executivo.

Nun principio, este acto constitucional ía celebrarse en Londres, pero o palacio de Buckingham, residencia oficial da familia real británica, comunicou esta semana que o evento se celebraría en Balmoral, debido, segundo os medios, aos continuos problemas de mobilidade que experimenta a raíña.

Unha vez que asuma o poder, Truss regresará a Downing Street, en Londres, para nomear os seus ministros. Espérase que a primeira reunión do Executivo se celebre este mércores.

Truss aparecía como a favorita para substituír a Johnson, quen anunciou a súa dimisión o pasado xullo despois de que numerosos membros do seu Goberno renunciasen en protesta pola súa xestión e unha serie de escándalos, como as festas celebradas na residencia oficial de Downing Street durante a pandemia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade