Publicador de contidos
Publicador de contidos

Lobeira volve celebrar a súa Romaría do Viso

Lobeira volve celebrar a súa Romaría do Viso

A festa prolóngase durante toda a fin de semana, pero o día grande é o domingo

G24.gal 03/06/2022 21:38

En Lobeira ultiman os detalles para a celebración da súa festa e a Romaría do Viso, a máis importante da comarca da Baixa Limia. E malia que a festa se vai prolongar durante toda a fin de semana, o certo é que o día grande é o domingo.

É entón cando a virxe sae en procesión dende Lobeira ata o santuario do Viso. Alí teñen por diante despois da misa campestre toda unha xornada de celebración, de festa e de música na que participan veciños chegados de todas as aldeas da comarca.

É unha romaría a que acode xente de todas as parroquias da Baixa Limia. Unha zona de cinco concellos, son corenta e sete parroquias, pero todo o mundo sente o Viso como un pouquiño seu", explica Roberto Álvarez, párroco de Lobeira.

E tanto é así que pouco importa a aldea de procedencia, na Baixa Limia todos saben da sona desta festa. Así o explican os veciños de Lobeira:

"Esta festa reúne xente de toda a provincia".

"Eu sempre que podo veño, e se podemos comer o polbo comemos alí, e se non merendamos alí".

"Todo este aberto cheo de xente, merendas... de todo".

"Boa festa, moita xente, o que facía falta é que non chovese. Estando bo tempo faise unha festaza".

Porque a festa é moita, pero tamén a devoción pola virxe.

"A esta virxe querémola moito. Estamos moi contentos de que haxa festa e veña moita xente".

Os fregueses fan quendas para portar a imaxe que levan en procesión ata o santuario subida nun carro.

"A estes chamámoslles as chavellas. Engánchanse no carro e despois cada devoto agarra de cada lado o largo de todas as chavellas. Outros devotos agarran do carro e tamén os laterais da base onde vai a imaxe".

A pandemia puxo a festa en suspenso, pero agora din, volven con folgos renovados.

"Iso, con máis ganas, e que estea bo día e máis nada".

Hoxe miran ao ceo con algo de preocupación pero confían en que a festa na súa volta será todo un éxito.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar