Extinguidos os 3 incendios declarados nas últimas horas en Ourense
Extinguidos os 3 incendios declarados nas últimas horas en Ourense
O máis grave, en Vilariño de Conso, queimou 215 hectáreas
Os outros dous incendios, en Avión e Lobeira, suman outras 180 hectáreas calcinadas
Os sete veciños de Taboazas espertaban sobresaltados ás tres da pasada madrugada.
"Chamoume unha veciña dicindo que estaba ardendo o monte. Levanteime e vin pola fiestra. Estaba tremendo de lume, de meter medo", conta unha delas.
Co monte seco tras varios días de calor e co vento avivando as lapas, nesta parroquia de Lobeira prendeu tamén o medo.
"Vímolo empezar a crecer, pillou carballos, pillou eucaliptos e, canto máis crecía era 'hostia, que nos leva'", explicaba unha moza.
"Estivemos intranquilos porque o pobo está rodeado de moita maleza e hai xente maior, con pouca mobilidade. Había refachos de aire que movían as lapas para un lado e para o outro, foi preocupante, foi unha noite intranquila", relataba un dos veciños.
Pero os caprichos do aire acabaron levando o incendio noutra dirección. A primeira hora estaba controlado e a mediodía apagado, despois de queimar 110 hectáreas. Todo apunta a que foi intencionado.
Antonio Iglesias, alcalde de Lobeira, explicou que “unha vez que cheguei ao sitio vin que había tres puntos diferenciados. Nese momento, o vento non tiraba con intensidade pero si había algo de vento, entón axudaba coas altas temperaturas”.
A media tarde quedou apagado outro incendio en Chaguazoso, en Vilariño de Conso. Arderon 215 hectáreas. O lume tamén deu un susto a noite pasada en Avión: quedou extinguido tras queimar 73 hectáreas.