Publicador de contidos
Publicador de contidos

Catro militares lusos mortos e un desaparecido tras a caída dun helicóptero no río Douro

Catro militares lusos mortos e un desaparecido tras a caída dun helicóptero no río Douro

O piloto foi rescatado con vida e continúa o operativo para atopar ao último militar

O helicóptero partiu en dúas partes e dous dos corpos foron localizados dentro, mentres que os outros dous apareceron xunto á cola do vehículo

Embarcacións buscando os desaparecidos no río Douro / Cedida por RTP
G24.gal 30/08/2024 17:51 Última actualización 30/08/2024 20:24

As autoridades lusas localizaron os corpos de catro dos cinco militares que estaban desaparecidos tras a caída no río Douro dun helicóptero de combate contra os incendios en Portugal este venres. Un deles segue desaparecido e continúan os labores de busca.

Foi entre as localidades de Lamego, en Viseu, e Peso da Régua, en Vila Real (distrito fronteirizo con Ourense).

O capitán do Porto do Douro, Rui Silva Lampreia, explicou en declaracións a xornalistas que foron atopados os corpos de dous dos militares dentro do helicóptero mergullado no río e outros dous na auga xunto á cola, xa que a aeronave partiu en dous.

Ademais dos catro falecidos, viaxaban o piloto, que foi rescatado con vida e outro militar que permanece desaparecido.

A GNR precisou nun comunicado que recibiu a alerta sobre as 12:50 hora local, cando caeu ao río o helicóptero que regresaba tras combater un lume no concello de Baião, no norte de Portugal.

Unha embarcación de recreo rescatou ao piloto, que ten fracturas nos membros inferiores e foi trasladado ao hospital de Vila Real.

Nos labores de procura, que se alongarán ata as 21:00 hora local participan equipos de submarinismo, varias embarcacións, unha unidade de drons e efectivos da GNR na zona terrestre xunto ao río.

Tras a parada nocturna, a procura renovarase en canto haxa luz.

Hai tres equipos de submarinismo realizando labores de procura, varias embarcacións, unha unidade de drons e efectivos da GNR na zona terrestre xunto ao río.

En total, traballan na zona 126 efectivos de diferentes entidades, 43 vehículos terrestres e un medio aéreo, segundo datos da Autoridade Nacional de Protección Civil (ANPC) lusa.

Silva Lampreia sinalou que as causas do accidente están baixo investigación e non confirmou as informacións de medios locais que aseguraban que o helicóptero se enganchou nuns cables de alta tensión.

O primeiro ministro, Luís Montenegro e o presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa desprazáronse ao lugar do accidente. O último cancelou a súa axenda para o venres e o sábado por mor da traxedia, mentres que Montenegro dixo que é un "día moi triste para Portugal" e anunciou día de loito nacional para o sábado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade