A Xunta propón actualizar o plan de normalización e medidas pra mellorar o uso social do galego
A Xunta propón actualizar o plan de normalización e medidas pra mellorar o uso social do galego
Mantivo unha reunión co presidente do Parlamento, Miguel Santalices, para explicarlle cal vai ser o proceso de negociación que empezará coa presentación dun "documento de traballo" aos grupos con propostas "razoables"
O conselleiro considerou que o maior problema que ten o galego hoxe en día é o do uso social e a situación actual pódese resumir en que "os nenos entran na escola falando galego ou aprenden galego na escola e socializan en castelán"
O PSOE pide consenso social e o BNG demanda a derrogación do decreto do bilingüismo
O conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, presentou este xoves aos grupos parlamentarios as súas ideas para mellorar o “uso social” do galego para o que ven necesario “actualizar o plan de normalización” lingüística, que este ano cumpriu dúas décadas en vigor, así como que se apliquen medio centenar de medidas inmediatas.
As propostas realizadas nas reunións con PP, BNG, PSdeG e DO, teñen como base a situación que debuxou a Carta Europea das linguas que será o informe que marcará a “folla de roteiro” da Xunta e que acredita que en Galicia “as competencias lingüísticas están garantidas, pero o que temos é un problema de uso social”.
O conselleiro confiou en recuperar o consenso social ao redor do idioma aínda que cre que o pacto para conseguir non pode ser “exclusivamente político, senón que ten que ser un pacto social” no que todos os galegos se sintan implicados.
O principal punto a abordar entre o Goberno galego e os grupos políticos é a renovación do plan xeral de normalización lingüística dado que foi aprobado “nun momento no que a realidade ou a forma de comunicarnos era totalmente diferente á actualidade” dado que non existían as redes sociais ou recursos como a Intelixencia artificial.
Destes cambios xorde a necesidade de actualizar esta normativa e que requirirá dun trámite parlamentario polo que a Xunta propón un prazo de quince meses para alcanzar a aprobación dun novo texto.
Para actualizar o plan, desde a Xunta propoñen que as ideas xurdan de grupos de traballo conformados por profesionais de prestixio e que sexan elixidos entre todos os grupos parlamentarios para que sexa un equipo “plural”.
López Campos sinalou que a intención da Xunta é que estes grupos de traballo, que se constituirán antes de final de ano, sexan plurais e con achegas de todas as formacións.
Á súa vez, tamén se propón unha reunión co Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega neste último trimestre do ano para tamén antes de concluír 2024 volver reunirse cos grupos parlamentarios para analizar as ideas duns e outros.
De forma paralela, a Consellería de Lingua tamén lanzou unha batería de cincuenta iniciativas de posta en marcha inmediata, ao longo de 2025, co obxectivo de “impulsar e dinamizar” o uso da lingua con recursos como voluntariado lingüístico, cursos de cultura galega, impulso no comercio ou colaboración con outras entidades.
Ademais, o conselleiro comprometeuse a aumentar o orzamento en lingua de forma paulatina durante toda a lexislatura.
No marco da CRTVG, López Campos avogou por utilizar os medios públicos como “elemento catalizador e dinamizador” do idioma galego así como favorecer a creación de produtos audiovisuais en galego e a exportación a outros países.
Tras presentar estas propostas, o titular de Lingua asegurou que as reunións foron “moi frutíferas” e agradeceu o ton no que se desenvolveron xa que “aínda que ás veces dicimos que hai demasiada crispación, hoxe houbo cordialidade absoluta” e as cuestións foron abordadas desde o ámbito construtivo.
Mellorar o "uso social"
O conselleiro considerou que o maior problema que ten o galego hoxe en día é o do uso social, porque as competencias lingüísticas están acreditadas, segundo os datos do último informe do IGE, e a situación actual pódese resumir en que "os nenos entran na escola falando galego ou aprenden galego na escola e socializan en castelán".
A ferramenta necesaria para modificar esta situación e que o uso do galego "se normalice" na vida diaria é o Plan de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade en 2004, que "achega as medidas e os recursos" polo que a súa actualización pode ser "unha base de referencia importante", xunto co recente informe do IGE, a Carta Europea das Linguas Minoritarias.
Segundo especificou, o propio Plan de Normalización xa establece como debe ser a súa actualización e unha serie de grupos de traballo que se crearon no seu momento e agora hai que volver crear para abordar esta cuestión.
López Campos asegurou que a súa posición é "de diálogo e escoita activa" porque cre que hai unha "necesidade" na sociedade de chegar a un acordo e sacar o idioma galego do "debate crispado", xa que "son máis as cousas que nos unen que as que nos separan", manifestou sobre as diferentes posturas dos partidos.
O BNG pide que se derrogue o decreto do plurilingüismo
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, urxiu novamente á derrogación do decreto do plurilingüismo e insistiu en que sería unha “contradición” por parte da Xunta dicir que se busca un pacto en favor do idioma sen querer modificar “o decreto da vergoña” e que, ao seu xuízo, foi un dos elementos máis “desgaleguizadores” dos últimos anos.
En declaracións á prensa tras unha reunión que se estendeu durante case unha hora co conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, a líder do Bloque dixo que aínda descoñece se “hai vontade real” no Goberno galego de alcanzar un verdadeiro pacto que reverta a situación crítica” que atravesa o galego.
Ademais, reprochou que a Xunta estenda o prazo para buscar solucións á situación do idioma en tanto que non son necesarios “quince meses mareando a perdiz” se non que hai que “poñer o turbo” para frear a perda de falantes.
A nacionalista non se mostrou confiada en poder alcanzar proximamente un acordo sobre este asunto, ao entender que o BNG e a Xunta discrepan mesmo da “análise” da situación actual, dado que o Goberno galego parece “vivir de costas á realidade” e non asumir a “dramática situación” do idioma, dixo.
Con todo, desde o BNG mostráronse dispostos a participar en todas as reunións nesta materia e avanzaron que enviarán as súas propostas á Consellería.
En primeiro lugar, Pontón demandou que se cumpra o plan vixente de normalización lingüística porque, a pesar de contar con vinte anos, contempla obxectivos que están “plenamente vixentes”.
Para iso, a nacionalista reclamou un “cronograma” con medidas concretas e un “orzamento suficiente” para efectuar as propostas dado que, segundo os cálculos do BNG, sería necesario “triplicar” os fondos que actualmente se destinan a política lingüística.
Tamén pediu que se retire o anteproxecto de lei de medios públicos que só serve para “seguir acantoando” o idioma propio e aniquilar o elemento de “socialización” que supón a televisión pública, sobre todo en público infantil e xuvenil.
Pontón considerou que a Xunta debe atender cada unha destas peticións “a non ser que se queira ir cara ao monolingüismo en castelán”, dado que “o plurilingüismo do que fala o PP non é máis que un timo”, sentenciou.
Os socialistas queren que os cambios se fagan co consenso social
O grupo parlamentario socialista animou a alcanzar un "consenso social", máis aló dos acordos políticos, no que respecta ao pacto polo galego que Xunta e oposición tratan de acordar. Para iso, animaron a "modificar" a norma vixente e a dotala de recursos.
Así o trasladaron os asistentes do grupo do PSdeG á reunión celebrada este xoves co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude.
A voceira socialista nesta ocasión, a deputada Silvia Longueira, insistiu no "fundamental" de alcanzar un pacto pola lingua que "resolva unha situación que, supoño que para todos os que temos un sentimento da cultura galega, é doloroso".
Longueira alegou que os socialistas non queren ser, "de ningunha maneira", responsables da "despatrimonialización do galego", referíndose á situación actual, que cualificou de "ruptura do consenso" do 2009. "A esa ruptura hai que darlle unha nova forma e un novo impulso", reivindicou.
A deputada socialista incidiu en tres aspectos que para o seu grupo son "fundamentais": "modificar" a norma actual, a dotación de recursos e que o pacto ao que se chegue sexa "social".
"Para nós é importantísimo que haxa un consenso social. Que non xogue outra vez coa lingua. Que non teñamos que facer disto, outra vez, outra cuestión política. Porque, basicamente, a lingua somos nós. Non queremos ser responsables de deixar caer onde están a caer os índices do uso social do galego", sinalou.
Respecto a unha posible derogación do decreto do plurilingüismo, Longueira comentou que é unha cuestión que non se abordou na reunión, pero matizou que os socialistas "nin poñen liñas vermellas nin deixan de poñelas".
"O que queremos é ver o plan de traballo e como ese plan modifica esta situación. O que queremos é que eses datos das enquisas teñan unha reversión, tanto con medidas conscientes como cunha planificación e unha norma a longo prazo. Do outro, xa falaremos e xa veremos que propostas ten o partido que está a gobernar", concluíu.
O PP, disposto a falar coa oposición
O voceiro de Lingua do PPdeG, José Luis Ferro, mostrou a súa disposición para falar coa oposición.
Sobre o tema da lingua galega, Ferro remarcou que “non hai liñas vermellas” e que “haberá que dialogar en consecuencia”, dado que hai “retos e desafíos” que atender para prestixiar o galego.
Os populares celebraron a actitude do conselleiro responsable de Lingua, que acudiu ao encontro cun borrador de propostas que inclúe medidas orientadas á xente nova e á emigración, así como un aumento orzamentario para esta materia.
Ferro insistiu en que o obxectivo debe ser común entre todos os segmentos da sociedade e que as medidas deben tomarse desde o consenso e desde o respaldo social.
Desde o PPdeG insistiron en que se necesitan “achegas oportunas” de todas as forzas para que o novo pacto da lingua se adapte á realidade, xa que o actual Plan de normalización ten xa vinte anos.
É necesario, sinalaron os populares, que se contemplen cuestións relativas ás novas tecnoloxías, á realidade da emigración e á xente que empeza a usar a lingua galega, de forma que sexa un idioma “amigable”.
Ferro avogou por “concrecións áxiles”, aínda que o conselleiro de Cultura e Lingua falou dun prazo duns 15 meses para alcanzar un "gran pacto social" polo galego.