O vicepresidente da CEOE cre que a suba da inflación amorteceu o impacto da rebaixa do IVE na cesta da compra
O vicepresidente da CEOE cre que a suba da inflación amorteceu o impacto da rebaixa do IVE na cesta da compra
O vicepresidente da CEOE cre que a suba da inflación amorteceu o impacto da rebaixa do IVE na cesta da compra
O presidente da Asociación de Traballadores Autónomos -ATA- considera "inviable" a proposta de Podemos de bonificar o 14,4 por cento a cesta da compra
Lorenzo Amor considera "pouco serio" que a vicepresidenta segunda suxira agora a necesidade de cambios na indemnización por despedimento
Agoira unha "inflación de segunda rolda" pola suba do SMI e os seus efectos na agricultura e a gandaría
O presidente da Asociación de Traballadores Autónomos-ATA-, Lorenzo Amor, defende que a carne e o peixe tamén se poidan incluír na listaxe de alimentos básicos co IVE reducido. Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Amor así o apuntaba nas vésperas de que o Goberno e a distribución se reúnan para analizar os prezos dos alimentos tras a escasa baixada en xaneiro. Para Amor, aínda que a rebaixa do IVE "serviu para amortecer algo" foi "pouco" porque a inflación subiu, indicou.
"A rebaixa do IVE en determinados produtos serviu para amortecer algo pero pouco. Vimos que a inflación subiu. Nós dende o primeiro momento dixemos que tanto a carne coma o peixe son alimentos básicos e viamos contraproducente non lles rebaixar o IVE en produtos da cesta da compra á carne e o peixe"
Así mesmo, considera "inviable" a proposta de Podemos de bonificar un 14,4 por cento a cesta básica da compra malia defender a posta en marcha de medidas para "atallar a inflación" e de axudas ás "familias máis vulnerables".
O presidente de ATA mesmo agoira que se produza unha "inflación de segunda rolda" (fenómeno polo cal a inflación se propaga polos aumentos nos salarios e prezos de bens intermedios) tras a suba nun 8 por cento do salario mínimo interprofesional. Lorenzo Amor argumenta que, malia que a media de inflación en España é mellor que a europea, os alimentos seguen tendo un comportamento alcista e os sectores máis afectados pola suba do SMI -apunta- son a agricultura e a gandaría.
"Hai determinadas medidas que se están tomando en conta que poden xerar unha inflación de segunda rolda. Falabamos antes do prezo da alimentación, dos produtos alimentarios. A suba do SMI pode afectar en grande medida á agricultura e á gandaría e polo tanto, coidado con isto que pode traer inflación de segunda rolda".
Indemnización por despedimento
O presidente de ATA tamén cualificou como "pouco serio" que a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, suxira a necesidade de cambios na indemnización de despedimento. Lorenzo Amor enmarca as palabras da vicepresidenta en que estamos en "campaña electoral". Explica Amor que "as materias laborais" hai que levalas á Mesa de diálogo social. Lembrou que "hai un ano chegamos a un acordo para a unha reforma laboral na que estas materias non se tocaron" e engadiu que "abrir agora este debate paréceme pouco serio sen levalo onde se ten que levar, que é a Mesa de Diálogo Social.".