Lucas derruba o Cádiz por partida tripla (2-4)
Lucas derruba o Cádiz por partida tripla (2-4)
Unha actuación estelar do neno de Monelos dálle a vitoria ao Dépor
O 7 deportivista marcoulle un 'hat-trick' ao seu exequipo e pediu perdón en cada un dos goles
O terceiro gol de Lucas foi a través dun potente lanzamento de falta que fulminou a escuadra da portería cadista
Unha actuación histórica de Lucas permítelle ao Deportivo ter un respiro e saír da zona de perigo. Os coruñeses comezaron mellor na primeira metade e conseguiron adiantarse a través dun disparo de Mella, que rebotou en Kovacevic e cambiou a traxectoria do balón. Con todo, poucos minutos despois Álex Fernández poñería o 1-1 no marcador co que o encontro se iría ao descanso.
Na segunda parte comezaría o espectáculo do neno de Monelos. No minuto 57, Lucas conseguía romper a igualdade e poñer por diante aos deportivistas nun partido que estaba sendo espectacular e tremendamente vistoso. A pesar deste gol, de novo Álex Fernández empataría o partido, esta vez dende o punto de penalti.
O 7 deportivista viuse obrigado a aparecer de novo e cun bo control co peito dentro da área e un gran recorte, bateu o porteiro do Cádiz e adiantou por terceira vez no encontro aos da Coruña. Para finalizar o seu tremendo partido, Lucas executaría á perfección unha falta moi afastada, sentenciando o encontro e culminando unha actuación histórica diante da súa exafección.
Desta maneira, o Dépor colle aire na clasificación co obxectivo de estar cada vez máis lonxe da zona de descenso.
No día da súa volta a Mirandilla, Lucas Pérez foi o protagonista absoluto co seu hat trick: "Cando marco o primeiro, a xente corea o meu nome, e iso é moi bonito. Despois, cando chegan o 2º e o 3º xa me sinto un pouco doído porque non quero facer dano".