Publicador de contidos

Publicador de contidos

Luis Medina e Alberto Luceño, absoltos de estafar o Concello de Madrid na venda de máscaras na pandemia

Luis Medina e Alberto Luceño, absoltos de estafar o Concello de Madrid na venda de máscaras na pandemia

Os maxistrados condenan a Luceño a tres anos de cárcere por un delito contra a Facenda Pública e a outros oito meses por falsidade en documento oficial e mais a unha multa de tres millóns e medio de euros

EFE / Javier Lizón EFE / Javier Lizón
G24.gal 19/03/2025 10:56

A Audiencia Provincial de Madrid absolveu a Luis Medina e Alberto Luceño do delito de estafa agravada e falsidade en documento mercantil do que os acusaba a Fiscalía de Madrid por enganar o Concello de Madrid na venda de material sanitaria en marzo de 2020, en plena pandemia da COVID-19.

Nunha sentenza notificada este mércores, á que tivo acceso Europa Press, os maxistrados condenan a Luceño a tres anos de cárcere por un delito contra a Facenda Pública e a outros oito meses por falsidade en documento oficial e mais a unha multa de tres millóns e medio de euros. A sentenza foi entregada ás partes e aos propios acusados na Secretaría da sección sétima.

O xuízo quedou visto para sentenza o pasado 27 de febreiro tras as alegacións finais das defensas, que reclamaron ao tribunal a absolución dos seus clientes ao non acreditarse a estafa ao Consistorio madrileño. A vista oral chegou á súa fin tras oito sesións nas que declararon diversos funcionarios do Concello de Madrid, entre eles a entón xefa de Compras do Consistorio na pandemia e o director xerente de Madrid Saúde, peritos da Axencia Tributaria e peritos da Policía Municipal de Madrid.

Nas súas declaracións, os procesados deixaron claro que nunca falaron con Elena Colado, xefa de Compras do Concello durante a pandemia, das comisións, en contra do manifestado por esta, e que o prezo das máscaras o fixou a empresa malaia Leno, o provedor do material que se forneceu.

O avogado de Luis Medina, o letrado José Antonio Choclán, solicitou unha sentenza absolutoria ao considerar que a acusación de estafa carece de fundamento, en primeiro lugar, porque non se podía calcular un sobrecusto dos prezos das máscaras debido a que o mercado estaba roto sen oferta e non hai incumprimento dos contratos porque o fin era traer ese material sanitario.

Non se ocultou o diñeiro

O avogado de Alberto Luceño sumouse ás alegacións do seu compañeiro Choclán en relación ao delito de estafa agravada, que se imputa a ambos os procesados, apuntando que non houbo ocultación dos cinco millóns que recibiu en concepto de comisión. Nas súas conclusións, o fiscal mantivo as penas de nove e quince anos de cárcere polos delitos dos que os acusa, estafa agravada, falsidade en documento mercantil, falsidade documental e delito fiscal, e agregou a inhabilitación para o exercicio do comercio durante os anos que dure a condena.

No seu informe, o fiscal subliñou que quedaron probados todos os feitos dos que son acusados e da proba acredítanse todos os elementos do delito. En canto á estafa, considerou que o ánimo de lucro quedou "máis que probado" por unha serie de datos como un correo no que se di "p'a la saca" e que a operación é un pelotazo, o mesmo ca a contía das comisións.

"A comisión que levaron foi do 149 % no caso das máscaras, de 244 % no caso dos tests e no caso das luvas do 426 %. É difícil atopar maior ánimo de lucro neste tipo de operacións", recalcou. Sobre o engano, o fiscal destacou que está acreditado que houbo unha ocultación das comisións e que se quixo dar a crenza de que actuaban de forma altruísta e non levaban comisións, tal e como consta nun correo que manda Elena Colado o 22 de marzo no que escribe que non percibirían diñeiro por esa operación.

"O prezo increméntase para aproveitarse das circunstancias, o cal é un elemento nuclear do engano. Luis Medina e Luceño dixeron que tiñan experiencia en comercio exterior cando non asinaron ningunha operación neses dous anos", apuntou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade