Xosé Pedro Rodríguez: "Atapuerca aínda nos deparará moitas sorpresas"
As escavacións arqueolóxicas en Atapuerca aínda poderán dar, nun futuro inmediato, moitas sorpresas. Así o dixo durante unha entrevista no Bos días da Televisión de Galicia Xosé Pedro Rodríguez Álvarez, investigador da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona e un dos coordinadores duns traballos que permitiron descubrir os restos humanos máis antigos achados en Europa occidental.
Teñen entre 1,4 e 1,1 millóns de anos e unhas características que non encaixan con ningunha das especies coñecidas do Pleistoceno. Unha especie nova denominada Homo affinis erectus.
A gran pregunta, segundo este investigador galego, é saber ata que punto o Homo affinis erectus coexistiu ou non co Homo antecessor, que ata hai pouco pensaban que era a especie máis antiga de Europa.
Nesta fase das escavacións atoparon restos de gran relevancia, sobre todo un fósil humano, un fragmento dunha cara que permitiría demostrar que se trata dun dos homínidos máis antigos de Europa.
Durante a entrevista sinalou que os últimos achados supuxeron unha gran sorpresa para os investigadores e subliñou a gran cantidade de información que lles proporcionou o achado de restos de fauna e de ferramentas para saber como era o medio de vida deses homínidos.