Publicador de contidos

Publicador de contidos

Atapuerca presenta os restos dunha especie humana nova en Europa con 1,4 millóns de anos

Atapuerca presenta os restos dunha especie humana nova en Europa con 1,4 millóns de anos

Os seus trazos non encaixan con ningunha das especies coñecidas do Pleistoceno, polo que se trata dunha especie humana nova

O achado demostra que antes da chegada de 'Homo antecessor' en Europa occidental houbo outra especie

G24.gal 12/03/2025 19:39 Última actualización 12/03/2025 20:23

Os ósos faciais descubertos no xacemento de Atapuerca en Burgos teñen entre 1,4 e 1,1 millóns de anos polo que son os restos humanos máis antigos achados en Europa occidental.

Os seus trazos non encaixan con ningunha das especies coñecidas do Pleistoceno polo que podemos dicir que é unha especie humana nova en Europa que, de momento, foi clasificada como 'Homo affinis erectus'.

No Pleistoceno, en Europa occidental houbo polo menos dúas especies: 'Homo affinis erectus', que chegou primeiro ao continente, e 'Homo antecessor', ata hoxe a especie humana máis antiga de Europa occidental e central.

O estudo, publicado en Nature, está liderado pola investigadora do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social, Rosa Huguet, é unha colaboración coa Universidade Rovira i Virgili e co Centro Nacional de Investigación sobre Evolución Humana (CENIEH), ademais da participacións duns trinta científicos do equipo de Atapuerca.

Os restos foron bautizados como Pink en honra a unha canción de Pink Floyd e como chiscadela á investigadora Rosa Huguet quen revelou que teñen entre 1,1 e 1,4 millóns de anos.

Evolución humana en Atapuerca

Crese que Eurasia foi poboada por primeira vez por homínidos fai polo menos 1,8 millóns de anos. En Europa occidental, as probas máis antigas de asentamentos humanos atopáronse no xacemento da Serra de Atapuerca. Os fósiles máis antigos de hai uns 860.000 anos, apareceron no xacemento da Gran Dolina de Atapuerca no verán de 1994.

Aquel achado foi histórico porque atoparan os restos de seis individuos (dous nenos, dous adolescentes e dous adultos) dunha especie nova, o Homo antecessor. Este home primitivo, cunha parte do rostro parecida á dos humanos modernos, era o devanceiro da nosa especie Homo Sapiens e dos Neandertais.

En 2007, esta vez na Sima do Elefante de Atapuerca, apareceu unha mandíbula de homínido duns 1,2 millóns de anos de antigüidade que non se puido asignar de forma concluínte a Homo Antecessor e que sospeitaron podería pertencer a unha especie distinta.

Un ano despois atoparon a falanxe dunha man e tampouco se puido asignar a unha especie concreta. Finalmente, tras moitas campañas de escavación, o equipo de Atapuerca deu coa peza que buscaba: un maxilar de homínido descuberto en 2022 na Sima do Elefante e nun nivel inferior de onde estaba a mandíbula de 2007.

O maxilar, xunto a un óso cigomático do lado esquerdo da cara dun adulto, foron analizados con técnicas de imaxe 3D e os resultados acábanse de publicar en Nature. 

Pink "abre un capítulo totalmente novo, está nun limbo da evolución humana", por iso, mentres xorden novas probas ou achados que o confirmen, "clasificámolo como H. aff. erectus", resume Martinón.

O achado demostra que antes da chegada de 'Homo Antecessor' en Europa occidental houbo outra especie.

"Temos un novo membro na foto de familia da especie humana e, aínda que sexa unha foto un pouco borrosa, hai alguén máis. Atapuerca volve facer historia con maiúsculas", relata Martinón-Torres.

"En Atapuerca nunca digas nunca xamais porque xa nos sorprendemos outras veces. É un xacemento cunhas posibilidades tremendas e cun grao de conservación excepcional. É simplemente espectacular", conclúe Martinón. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade