O Brasil irá á segunda volta tras unha axustada vitoria de Lula sobre Bolsonaro
O Brasil irá á segunda volta tras unha axustada vitoria de Lula sobre Bolsonaro
Lula da Silva, que partía como favorito para liderar por terceira vez o país, consegue o 48% dos votos
Jair Bolsonaro, co 43% dos apoios, disputará a Presidencia do Brasil o 30 de outubro co expresidente
O expresidente Luiz Inácio Lula da Silva, co 48,39 % dos votos válidos nas eleccións deste domingo en Brasil, terá que definir a Presidencia nunha segunda volta co actual mandatario Jair Bolsonaro, que obtivo o 43,23 %, segundo os datos oficiais.
De acordo co Tribunal Superior Electoral (TSE), ningún candidato conseguiu alcanzar máis da metade dos votos, que, de acordo coa lexislación electoral brasileira, era o listón que necesitaban pasar para garantir a elección sen necesidade dunha segunda volta.
O expresidente, ademais de non conseguir os votos que esperaba, tamén sufriu duros contratempos nalgúns estados, como o estratéxico de São Paulo ou o emblemático do Río de Xaneiro.
Malia que as enquisas lle daban a vitoria a Lula con arredor do 50 % dos votos e unha vantaxe de 14 puntos porcentuais sobre o actual gobernante, Bolsonaro segue aspirando á reelección tras conseguir nas urnas unha diferenza de tan só catro puntos porcentuais fronte ao dirixente progresista.
Tras a publicación dos resultados definitivos, o líder do partido progresista Luiz Inácio Lula da Silva expresaba ante os medios a súa confianza cara á segunda volta. Sinalou que nunca gañara unhas eleccións na primeira volta e o tempo entre comicios serve para madurar propostas.
Entrementres, Jair Bolsonaro, na súa comparecencia tras coñecer os resultados, sinalaba que no país hai vontade de cambio pero confía en que non sexa para peor.
Deste xeito, o líder ultradereitista e o líder do Partido dos Traballadores (esquerda) terán que enfrontarse nunha segunda volta, programada para o 30 de outubro, para definir a Presidencia.