Lula da Silva: historia dunha resurrección política
Lula da Silva: historia dunha resurrección política
É o primeiro político brasileiro en gañar tres veces as eleccións
A historia de Luiz Inácio Lula da Silva é a historia dunha resurrección. Regresará o 1 de xaneiro ao palacio de Planalto con 77 anos e coa promesa de reconstruír e unir un país dividido. Terá que lidar, iso si, coa maioría bolsonarista no Congreso.
Lula da Silva naceu en 1945 nunha familia moi pobre, ao nordeste do país. Traballou como vendedor ambulante, como limpabotas e como torneiro mecánico, e ao final da década dos 70 converteuse en líder do sindicato dos metalúrxicos e liderou unha histórica folga que desafiou a ditadura militar.
Tras catro intentos, o fundador do Partido dos Traballadores logra gañar as eleccións presidenciais en 2002. Logo volverá gañar en 2006. Deixou o poder cunha popularidade do 85 %.
En 2014, o líder esquerdista viuse envolto no Lava Jato, a maior operación anticorrupción da historia do país, unha xigantesca rede de subornos arredor da petroleira estatal Petrobras. Foi condenado en 2017 a nove anos e medio de prisión pola obtención dun apartamento dunha construtora a cambio de contratos públicos. Sempre proclamou a súa inocencia.
Canda el, caeu tamén Dilma Roussef, a súa sucesora.
Lula estivo 19 meses na cadea. En marzo do ano pasado, recuperaba os seus dereitos políticos coa anulación da súa sentenza por irregularidades procesais.
Coa vitoria de onte, Lula da Silva convértese no primeiro político que se impón en tres eleccións na historia republicana do país. Regresa prometendo frear a deforestación da Amazonia e erradicar a pobreza e as desigualdades.