Lula inaugura unha nova etapa no Brasil tras catro anos de bolsonarismo
Lula inaugura unha nova etapa no Brasil tras catro anos de bolsonarismo
Luis Inázio Lula da Silva accede por terceira vez ao palacio presidencial e pon fin a catro anos de goberno da ultradereita
Centos de miles de persoas celebraron nas rúas o cambio que tenta restaurar a democracia plena e loitar contra a pobreza
Pasaron 12 anos antes de que Lula da Silva regresara á cúpula do poder. Atrás quedan moitos avatares: xuízos, cárcere e o retorno con determinación e forza á area política.
Este domingo fixo un significativo traxecto en coche descapotable pola Explanada dos Ministerios de Brasilia desafiando aqueles que llo desaconsellaban. Iso si, en medio de fortes medidas de seguridade.
A previsión era que preto de 300.000 persoas se congregasen na capital do país e que as celebracións se replicasen nalgúns Estados.
O escenario da súa toma de posesión tivo varios vértices: a catedral da capital, o Congreso e o palacio presidencial de Planalto. En sede parlamentaria, tras asinar a toma de posesión, lembrou que a democracia prevaleceu nas eleccións.
"Nunca os electores foron tan constrinxidos polo poder económico e por mentiras diseminadas a escala industrial. A pesar de todo, a decisión das urnas prevaleceu grazas a un sistema electoral internacionalmente recoñecido pola súa eficacia".
Estivo rodeado de autoridades internacionais de primeira liña e destacou a ausencia de Bolsonaro. Representando a España, o rei Filipe VI, a vicepresidenta Yolanda Díaz e o ministro de Exteriores, José Manuel Albares.
Lula apela a fortalecer os mecanismos de control republicanos e a reconstruír a democracia tras catro anos de goberno da ultradereita.
O seu compromiso na loita contra a fame e a pobreza fíxose evidente nos últimos días e na toma de posesión. Parte cun aval internacional maioritario. En definitiva, o Brasil estrea ano e estrea novos horizontes políticos.