Máis de 2.100 opositores, convocados para os exames do Sergas esta fin de semana
Máis de 2.100 opositores, convocados para os exames do Sergas esta fin de semana
Entre as categorías están enfermería familiar e comunitaria; fisioterapeuta; técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información e técnico/a superior en hixiene bucodental
O Recinto Feiral Internacional de Galicia, en Silleda, acollerá esta fin de semana as probas selectivas para o acceso ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) en distintas categorías, ás que se presentan un total de 2.138 opositores.
Na xornada do sábado, o Sergas ofrece un total de 134 prazas divididas en catro categorías profesionais. 61 prazas son para enfermeiro especialista en enfermaría de familia e comunitaria, 70 prazas de fisioterapeuta, unha praza de técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información, e dúas prazas de técnico superior en hixiene bucodental.
Na propia páxina web do Sergas recóllese toda a información das diferentes portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.
Ao longo do mes de febreiro, o Sergas oferta un total de 913 prazas distribuídas en 10 categorías. Deste xeito, ás 134 prazas deste sábado engádense as 779 ofertadas na fin de semana anterior, na que participaron máis de 13.500 opositores.
O vindeiro 16 de marzo, o Sergas continuará coa realización das probas selectivas para cubrir 37 prazas na categoría de persoal estatutario licenciado sanitario.
Na quenda de mañá desenvolveranse os exames de facultativo especialista en: alergoloxía; anatomía patolóxica; anxioloxía e cirurxía vascular; cirurxía cardiovascular; cirurxía oral e maxilofacial; cirurxía pediátrica; cirurxía plástica, estética e reparadora; dermatoloxía médico-cirúrxica e venereoloxía; endocrinoloxía e nutrición; medicina física e rehabilitación; medicina intensiva; microbioloxía e parasitoloxía; nefroloxía, neurocirurxía, neuroloxía, oftalmoloxía, oncoloxía médica, otorrinolaringoloxía; pneumoloxía; psiquiatría; uroloxía; xeriatría; médico de admisión e documentación clínica; e médico asistencial do 061.
Pola tarde será a quenda de anestesioloxía e reanimación; aparello dixestivo; cardioloxía; cirurxía torácica; cirurxía xeral e aparello dixestivo; hematoloxía e hemoterapia; medicina interna, medicina preventiva e saúde pública; neuroloxía, pediatría e as súas áreas específicas; psicoloxía clínica, radiodiagnóstico, reumatoloxía; e médico coordinador do 061.