Máis de cen evacuados dunha cidade rusa fronteiriza con Ucraína debido aos bombardeos
Máis de cen evacuados dunha cidade rusa fronteiriza con Ucraína debido aos bombardeos
O gobernador de Bélgorod engadiu que xa informou o presidente ruso Vladimir Putin sobre a situación na fronteira con Ucraína
Un cento de cidadáns da localidade rusa de Shebekino, fronteiriza con Ucraína, abandonaron os seus fogares debido aos constantes bombardeos ucraínos e están a ser acollidos na cidade de Bélgorod, informou o alcalde da urbe Valentín Demídov.
"Nestes momentos ten lugar o proceso de inscrición: xa foron rexistradas 134 persoas, 34 delas menores de idade, que recibirán refuxio no estadio Bélgorod Area, con capacidade para máis de 1.000 persoas".
Segundo Demídov: "A situación no distrito é cada vez máis complexa. Por iso dámoslles a posibilidade a todos os interesados de quedaren en Bélgorod".
O alcalde sinalou que no estadio foron creadas varias zonas para familias con nenos e para persoas con mobilidade limitada, entre outras, que son atendidas por psicólogos e médicos.
"Preparamos outros dous centros temporais de refuxiados para recibir a xente (...) Trataremos de ofrecerlles o maior coidado e atención", engadiu.
O portavoz do Kremlin Dmitri Peskov declarou que o presidente ruso Vladimir Putin recibe constantemente información sobre a situación na rexión de Bélgorod.
Shebekino é obxecto de intensos bombardeos ucraínos desde a madrugada de hoxe, como consecuencia dos cales hai polo menos oito feridos, informou pola súa banda o gobernador da rexión de Bélgorod Viacheslav Gladkov.