Máis de mil mortos en Paquistán tras semanas de chuvia torrencial
Máis de mil mortos en Paquistán tras semanas de chuvia torrencial
O monzón causa inundacións na metade do país asiático que afectan a uns catro millóns de persoas
Trinta millóns de persoas están sen teito, medio millón en campamentos de axuda e os danos ascenden aos 3.000 millóns de euros
En 2022 o monzón está a ser especialmente devastador en Paquistán. As autoridades confirmaron este sábado os peores prognósticos e elevan por riba do milleiro os falecidos nas inundacións desde o comezo da tempada de chuvias en xuño.
A choiva torrencial foi especialmente catastrófica na provincia de Sindh, ao sur do país. A Autoridade Nacional para a Xestión de Desastres (NDMA) verificou 1.033 falecidos e 1.527 feridos desde o 14 de xuño. Deles, 119 persoas morreron (76 en Sindh) e 71 quedaron feridas nas últimas horas.
Os danos materiais ascenden a uns 3.000 millóns de euros. Case 950.000 vivendas están parcial ou totalmente destruídas, máis de 720.000 cabezas de gando morreron, hai danos en case 3.500 quilómetros de estradas e case 150 pontes colapsaron.
Paquistán recibiu 166,8 mm de choiva en agosto, en comparación coa media de 48 mm, un aumento do 241 por cento. En consecuencia, o aumento anormal das choivas xerou inundacións repentinas en todo o país, particularmente no sur. En Sindh, máis dunha vintena de municipios quedaron baixo as augas.
Hai só uns meses, Paquistán vivía unha das peores vagas de calor da súa historia, con temperaturas que chegaban aos 52 graos Celsius nalgunhas zonas que agora están inundadas.