Publicador de contidos
Publicador de contidos

Máis dun ano agardando a que Telefónica arranxe un poste partido en Oza-Cesuras

Máis dun ano agardando a que Telefónica arranxe un poste partido en Oza-Cesuras

Os operarios enviados cualificaron o estado do poste de "perigosísimo", segundo a veciña máis prexudicada, pero aí segue batendo co vento desde hai trece meses

Imaxe deste xoves do poste de Telefónica partido hai trece meses en Porzomillos, Oza-Cesuras
G24.gal 17/12/2024 14:09

Un poste da liña de cables telefónicos de Porzomillos, en Oza Cesuras, partiu nunha treboada en 2023 e así segue tombado coa liña apoiada nas árbores. Hai máis de trece meses a familia da vivenda próxima deu o primeiro aviso a Telefónica do risco existente.

"O perigo para nós é que entramos á casa por aquí e que nos pode caer enriba. O perigo é tamén para viandantes e coches que pasan polo camiño, que é bastante transitado. Porque cando pega o vento contra o peche pode caer para o outro lado", explica Raquel Fraga.

Lembra que mesmo os técnicos recoñeceron que requiría arranxo urxente, tras un dos moitos pedimentos de solución que ten feito ante Telefónica desde 2023.

"Desde novembro levo chamando todos os meses ata o verán, en que viñeron velo", relata Raquel, e engade: "Dixeron que era urxente, pero non volveron. E o outro día, co último temporal que houbo, abaneaba dunha maneira escandalosa contra o peche da casa, aguantado polos cables e polas tullas. Entón mandei un vídeo e ao día seguinte estaban aquí. Dixeron que era perigosísimo, urxentísimo, pero non volveron. E disto hai xa tres semanas".
 
Sinala Raquel que o arranxo non admite máis demora porque outro vendaval pode derrubar tamén os postes contiguos e a propia liña de cables que proporciona servizo de telefonía e de datos a máis de vinte vivendas de Porzomillos.
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade