Publicador de contidos
Publicador de contidos

Malvido anuncia a baixa temporal no PSOE, pero mantense como edil de Cangas

Malvido anuncia a baixa temporal no PSOE, pero mantense como edil de Cangas

A tenente de alcaldes pide "desculpas polo terrible erro que cometín cando volvín á casa despois de asistir ás Festas do Cristo conducindo o meu vehículo e superando folgadamente a taxa de alcol permitida"

"Estou á espera da decisión que tome o Comité Federal de Ética. Acatarei coa mesma disciplina de sempre a decisión que tome Ferraz", afirma

Iria Malvido, tenenta de alcaldesa de Cangas
G24.gal 28/08/2024 13:23 Última actualización 28/08/2024 15:01

A tenenta de alcaldesa de Cangas (Pontevedra), a socialista Iria Malvido, que triplicou a taxa máxima de alcol permitida ao volante durante a madrugada do martes, recoñeceu este mércores o seu erro, pediu perdón aos seus veciños e anunciou a súa baixa temporal como militante do Partido Socialista.

"Pido desculpas, desde a máis absoluta humildade, polo terrible erro que cometín cando na madrugada de onte volvín á casa despois de asistir ás Festas do Cristo de Cangas conducindo o meu vehículo e superando folgadamente a taxa de alcol permitida. Son consciente da magnitude do meu erro e renuncio de antemán, dada a miña condición de cargo público, a calquera circunstancia atenuante para xustificar a miña conduta", dixo a tamén concelleira de Obras e Mobilidade nun comunicado.

Malvido pide perdón a todos os veciños de Cangas e a toda a cidadanía e "de maneira moi especial ás vítimas dos accidentes de tráfico". "Como persoa teño dereito a gozar das festas da miña vila en compañía das miñas amistades, pero son plenamente consciente de que iso debe ser compatible co respecto ás normas", declarou.

"Por iso -continúa-, desde a responsabilidade, renuncio de antemán a lembrar o que fixeron outros responsables públicos de partidos que me critican. Renuncio mesmo a matizar informacións incorrectas ou directamente inventadas sobre os feitos previos que deron pé ao control de alcoholemia", engade Malvido.

Por todo o anterior, sinala, é polo que solicitou a baixa temporal como militante do PSdeG-PSOE á Executiva provincial. "É o coherente. Como marcan os estatutos e o código deontolóxico comuniquei os feitos á mañá seguinte á Executiva provincial e estou á espera da decisión que tome o Comité Federal de Ética. Acatarei coa mesma disciplina de sempre a decisión que tome Ferraz", afirma.

"A miña conduta privada -prosegue- en nada debe prexudicar as siglas do Partido Socialista Obreiro Español ao que me debo e polo que sempre seguirei traballando con orgullo". Finalmente, agradece as mostras de agarimo do PSdeG-PSOE e dos veciños.

Contando coa de Malvido, o PSdeG ten tres carteiras no concello de Cangas, que preside o BNG con 6 edís. Os nacionalistas non quixeron facer declaracións ata coñecer a postura da tenente da alcaldesa, pero xa anunciaron unha reunión inminente para fixar posicións. 

Esquerda Unida, cunha concelleira no tripartito de Goberno, pide a dimisión de Malvido a falta de valorar -din- as accións que tomarán se a tenente de alcaldesa continúa no cargo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade