Publicador de contidos
Publicador de contidos

Marcos Alonso chega a Vigo polo "proxecto bonito e ambicioso" do Celta

Marcos Alonso chega a Vigo polo "proxecto bonito e ambicioso" do Celta

A mediación de Iago Aspas foi determinante para a chegada do defensa madrileño

Asina por unha temporada con opción a outra

G24.gal 29/08/2024 17:21 Última actualización 29/08/2024 17:38

A terceira fichaxe do Celta, Marcos Alonso, foi presentado este xoves na Sede, acompañado polo director de fútbol do club, Marco Garcés, e o conselleiro Antón Álvarez.

Comezou respondendo sobre os motivos de decantarse pola entidade viguesa.

"É un club que está a facer as cousas ben, cun proxecto bonito e ambicioso. A conversación co míster, a maneira de xogar do equipo encaixa co meu fútbol e víame en condicións de seguir nun campionato como a liga", precisou.

Dicía Garcés que Iago Aspas tivo a súa importancia para a chegada de Alonso, aínda que este asegura que non foi necesaria moita insistencia para convencelo.

"Non fixo falta que Iago fose pesado. Teño a sorte de coñecelo de varias convocatorias da selección e é outro factor importante para que estea aquí hoxe. Esperemos darlles moitas alegrías á afección xuntos e co resto do equipo".

Marcos Alonso non cre que sexa necesario "cambiar o chip" polo feito de xogar a maior parte da súa carreira por obxectivos máis ambiciosos.

"Ao final, isto é fútbol e tes que estar preparado para chegar o mellor posible á fin de semana e tentar sacar os puntos. O proxecto é bonito, xente nova, con ambición, o adestrador, a presidenta... O meu traballo vai ser o mesmo de todos os anos", apuntaba.

Do seu novo adestrador, Claudio Giráldez, percibe que "ten as ideas claras, ambición, amor por este club, son factores importantes para ter metido ao equipo e poder facer cousas bonitas".

O madrileño asina por unha temporada con opción a outra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade