Margarida II de Dinamarca abdica este domingo en favor do seu fillo Federico
Margarida II de Dinamarca abdica este domingo en favor do seu fillo Federico
Ás 14:00 hora local celébrase un Consello de Estado no que Margarida II asinará a súa declaración de abdicación
Margarida II de Dinamarca, a monarca viva con máis tempo no trono, clausura este domingo 52 anos de reinado para abdicar en favor do seu fillo máis vello, o príncipe herdeiro Federico.
A raíña, de 83 anos, anunciou por sorpresa no seu discurso de Fin de Ano que deixaría o trono, aludindo a problemas de saúde e á necesidade de dar paso á nova xeración, xusto o día en que se cumpren 52 anos da súa subida ao trono.
Nas monarquías nórdicas non é costume abdicar: o último precedente en Dinamarca remóntase a 1146, cando Erico III abandonou o trono para retirarse a un mosteiro.
O príncipe Federico e a súa esposa, a princesa María, abandonarán en coche o complexo palatino de Amalienborg, e dous minutos despois fará o propio en carroza a raíña, para dirixirse ao castelo de Christiansborg, a 1,5 quilómetros de distancia e sede do Parlamento.
Alí comezará ás 14:00 hora local un Consello de Estado no que Margarida II asinará a súa declaración de abdicación. Nese momento, efectuarase o cambio no trono, aínda que a proclamación de Federico X, que corre a cargo do xefe de Goberno de quenda, non se producirá como tal ata as 15:00 horas.
Tras as palabras da primeira ministra, Mette Frederiksen, o xa rei Federico X pronunciará un breve discurso e lanzaranse tres roldas de 27 salvas desde unha fortaleza militar no porto.
Antes da proclamación, e despois de facerse efectiva a sucesión, Federico e a nova raíña María celebrarán unha pequena recepción na que estarán presentes Frederiksen e os presidentes de Groenlandia e as Illas Feroe, territorios autónomos dinamarqueses, entre outros.
Sen realeza doutros países
Non haberá representantes da realeza doutros países aos actos, seguindo a tradición dinamarquesa, que tampouco inclúe ningunha coroación, informou a Casa Real, pero si acompañarán a Federico o seu irmán máis novo, o príncipe Xoaquín; e, a María, a súa irmá máis vella.
Aínda que as autoridades non deron cifras estimativas, agárdase que milleiros de dinamarqueses se acheguen á capital para seguir o histórico acontecemento: moitos hoteis colgaron o cartel de cheo e, a principios de semana, apenas quedaban xa billetes de avión e tren á capital.
Cando os novos reis e a raíña Margarida, que conservará o seu título, estean de volta en Amalienborg, realizarase a transferencia de estandartes reais do palacete de Cristián IX, residencia da monarca saínte, ao de Federico VIII.