María José Gómez: "Queremos que as explotacións agrogandeiras poidan ter unha segunda vida"
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, presenta a plataforma do banco de explotacións agrogandeiras coa que a Xunta quere paliar o abandono no sector agrogandeiro e facilitar a remuda xeracional
Gómez lamenta que o orzamento das axudas dos plans de mellora non puidera cubrir toda a demanda, pero anima a agricultores e gandeiros a presentarse ás novas convocatorias
"Queremos que esas explotacións poidan ter unha segunda vida", di a conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, para explicar a posta en marcha esta semana do banco de explotacións agrogandeiras. Trátase dunha plataforma para poñer en contacto propietarios de granxas e cultivos que queiran deixar a actividade con interesados en traballar no medio rural.
Con esta medida a Xunta prevé favorecer a transmisión de 140 explotacións en dous anos. "A Consellería do Medio Rural a través das oficinas comarcais, das oficinas agrarias, que son o vínculo máis próximo entre os gandeiros e a administración, vailles facilitar eses trámites", di a conselleira.
"É unha realidade que pechan explotacións, que non hai remuda para todas as que hai actualmente en Galicia, e é unha práctica que xa se vén facendo entre particulares, e a Xunta de Galicia quere facilitar esa tramitación e facer máis visible a dispoñibilidade de explotacións", asegura Gómez, quen explica que non se trata só das explotacións en si, "senón tamén da base territorial asociada, e que outros que xa están no sector precisan para aumentar as súas explotacións, para facelas máis viables e rendibles, ou para aquelas persoas que non tendo unha explotación previamente queiran iniciarse e xa teñan esa infraestrutura que doutro xeito quedaría abandonada".
A través da plataforma os usuarios poderán coñecer os detalles das explotacións que hai dispoñibles e nas que poidan estar interesados. "Unha vez cubertos os modelos onde se explican as características da explotación, subiranse a un visor que será accesible publicamente e que pinchando un interesado ao que lle poida interesar poida coñecer as explotacións e así ter de xeito áxil esa información", explica María José Gómez.
A posta en marcha desta ferramenta compleméntase con subvencións para animar os donos a traspasar as granxas viables. "Haberá unha axuda para todas as persoas que ceden as explotacións que pode ir dende os 6.000 aos 30.000 euros nun período de cinco anos, que pode ser un aliciente", destaca a conselleira.
O obxectivo é evitar que "queden pechadas e abandonadas, e por outro lado que esas instalacións que tanto traballo lles custou facer poidan ter unha segunda vida, e poidan seguir sendo útiles".
A conselleira tamén saíu ao paso das protestas convocadas polo Sindicato Labrego Galego polo que aseguran está sendo unha denegación masiva das axudas dos plans de mellora, e dixo que "cando sae unha orde de axudas cun orzamento, cumpriméntanse as solicitudes, e as persoas, neste caso gandeiros, que acceden a elas fano nunhas condicións que están descritas".
Porén, di Gómez Rodríguez, "a orde de 2024 saíu por un total de 46 millóns de euros, permitiu a incorporación de 320 rapaces de ata 40 anos ao agro con esas axudas, e 133 novos agricultores de 41 a 55 anos. A xente tivo unhas axudas de incorporación. Por outro lado están as axudas dos plans de mellora, que o orzamento non foi suficiente para cubrir a brutal demanda que houbo nesta primeira solicitude da primeira prePAC porque é un novo período".
"Hai que ter en conta que cada explotación só pode acceder unha vez a esas axudas en todo o período da prePAC. É dicir, que do 24 ao 27 cada explotación só pode ter un plan de mellora. Quedan aínda tres convocatorias ata o ano 27. Eu sei que é decepcionante cando te presentas a unha axuda e non consegues esa subvención, pero este ano haberá outra vez esa liña de axudas e daremos prioridade a todos eses rapaces novos que tendo a incorporación do ano 24 non puideron acceder ao plan de mellora. Terán unha segunda oportunidade e todos aqueles que non sendo mozos nin novos agricultores poden seguir optando nos próximos anos a esas axudas".
En canto á situación do sector leiteiro, explicou que "acabamos de crear o Observatorio do Leite, e unha vez transcorra o prazo, convocarémolo. Desde a Xunta hai un diálogo constante coas catro patas da cadea: cos produtores, que sempre son o elo máis débil, coa industria, coa distribución e co consumidor".
"É verdade que Galicia sabemos que producimos o 42 % do leite de España, e as industrias e a distribución sempre aluden a que estamos na esquina norte e hai que distribuír ese leite no resto de España. É unha xustificación como outra calquera", lamenta a conselleira.
"A miña demanda é que ese diferencial [entre o que se paga o leite en Galicia e o que se paga noutras comunidades de España] sexa cada vez menor e que todas as patas da cadea deban manter un equilibrio, porque non hai empresas, non hai distribución, se non hai produtores. E se non hai produtores os consumidores non poderemos gozar da excelente calidade do leite galego. Eu invito a todos a consumir ese leite de excelente calidade que se produce en Galicia e á industria e a distribución a ser razoables coa demanda dos gandeiros galegos que non queren ser máis ca os do resto de España, pero tampouco queren ser menos".
"Convídoos a que senten e cedan un pouco para que ese diferencial vaia desaparecendo", concluíu.