Marín celebra o día grande da festa corsaria que revive a batalla contra os ingleses
Marín celebra o día grande da festa corsaria que revive a batalla contra os ingleses
A vila encheuse de bandeiras e panos piratas para celebrar a expulsión dos invasores
65 postos de artesanía e gastronomía para descubrir no mercado corsario
Este sábado Marín viviu o día grande da súa festa corsaria coa que conmemora a batalla de Aguete contra os ingleses de finais do século XVIII. Bandeiras, panos pirata, espadas e algún que outro parche tomaron este sábado as rúas de Marín para recrear a guerra de guerrillas que librou contra os ingleses o corsario galego máis coñecido, Juan Antonio Gago de Mendoza, a finais do século XVIII.
"É a décimo terceira edición, cada vez hai máis xente, a vila implícase e recreamos unha etapa historia moi importante", lembran os organizadores.
Hai tres séculos, este capitán galego e os seus corsarios impediron que os navíos ingleses conquistaran estas terras. Este sábado, no desfile das tropas invasoras antes da batalla, o capitán Hodson aínda confiaba en cambiar a historia e facerse co botín da fragata Alcudia.
"Do navio Helen... 44 canóns para machacar esta vila cando nos dea a gana... Marín xa o invadimos onte e agora hai que saquear todo o que nos queda aquí, a ver onde teñen agochada a prata do Alcudia".
Desde hai catorce anos, Marín celebra esta batalla convertida nunha festa multitudinaria para veciños e visitantes.
"Son de Madrid e é a primeira vez na festa corsaria".
"Eu de máis lonxe, de Venezuela, viñemos coa familia pasar as vacacións a Marín e aquí estamos na festa corsaria".
A celebración inclúe concertos, pasarrúas, exposicións e mesmo un gran banquete. "Pola noite hai concertos, hai exposicións, hai animais para ver, o da cetrería...".
O mercado corsario, con 65 postos de artesanía, gastronomía, roupa e calzado, abriu a media mañá e non pecha ata medianoite.