Maroto presenta en Vigo o PERTE do naval, con 200 millóns para Galicia
Maroto presenta en Vigo o PERTE do naval, con 200 millóns para Galicia
A cantidade é escasa, segundo a Xunta, para un sector estratéxico para a nosa comunidade
As empresas terán que agardar a novembro poder presentar os seus proxectos para acceder aos fondos públicos europeos
A ministra de Industria, Reyes Maroto, presentou este venres en Vigo o PERTE do naval, que mobilizará inicialmente 200 millóns de euros que apalancarán máis de 1.120 millóns de euros de investimento privado e xerarán uns 3.100 empregos de alta calidade. “Mostramos o compromiso do Goberno co impulso da industria naval española, un sector estratéxico da nosa economía”, dixo Maroto.
“Con este proxecto imos potenciar a súa diversificación e o seu desenvolvemento sostible, tecnolóxico e dixital, contribuíndo á autonomía industrial de España e Europa; o noso obxectivo con este PERTE é xerar importantes retornos económicos e sociais, así como reforzar as capacidades industriais do noso país, contribuír ao desenvolvemento tecnolóxico e dixital do sector naval e á xeración de emprego cualificado e de calidade”, engadiu.
Maroto explicou que será a partir de novembro cando as empresas do sector poderán comezar a presentar os seus proxectos. Cuestionada sobre se eses 200 millóns serán suficientes para un sector que move 7.000, Maroto subliñou o compromiso do Goberno co naval e dixo que se fose necesario, reforzaríase, porque para iso se situou esta industria como estratéxica da economía española.
A ministra mostrouse, polo tanto, optimista respecto ao futuro do sector, que actualmente ten en carteira 64 buques, o 80 por cento para a súa exportación, os cales garanten 15 millóns de horas de traballo, e sinalou que o PERTE fará máis competitivo ao naval español.
Ademais, a ministra anunciou que se constituíu en Vigo a alianza do PERTE naval, un órgano de colaboración público-privada que vai permitir facer un seguimento de todos os instrumentos que o PERTE está a poñer ao dispor da industria naval.
Esa alianza, ademais, buscará “novas oportunidades e desafíos para que desde a colaboración público privada fagamos de panca dun sector que é punteiro tecnoloxicamente” e que está “a mirar ao futuro desde o punto de vista dos novos combustibles ou da eólica mariña na que España xa é pioneira”.
Os 200 millóns que lle corresponden a Galicia é unha cifra escasa, a xuízo da Xunta, para un sector estratéxico na nosa comunidade e pide máis investimento.