Marta Ortega estréase ante os accionistas: "Inditex ten un gran futuro por diante"
A filla máis nova de Amancio Ortega é ratificada como presidenta do Consello de Administración e Óscar García Maceiras como conselleiro delegado
Inditex pecha 2021 cun beneficio de máis de 3.200 millóns de euros
Inditex pechou o 2021 cun novo récord de vendas, con máis de 27.716 millóns de euros e un beneficio neto superior aos 3.200 millóns. A multinacional celebrou hoxe a súa xunta de accionistas, a primeira con Marta Ortega á fronte da compañía xunto a Óscar García Maceiras, que se estreou como conselleiro delegado.
Xuntos abren unha nova etapa en que pretenden seguir liderando o mercado mundial. Marta Ortega, ratificada nesta Xunta como presidenta do Consello de Administración do grupo e conselleira dominical, resaltou ante os accionistas que está á fronte do "mellor equipo, cun gran futuro por diante e preparado para afrontar os retos de futuro".
"Recibimos algo máis que unha empresa e que un lugar de traballo. Temos na nosa mans unha tremenda responsabilidade cun gran futuro por diante, que nos obriga a dar o mellor de nós mesmos", asegurou Ortega.
Terminada en abril a etapa de Pablo Isla, o novo conselleiro executivo do xigante téxtil Óscar García Maceiras, tamén ratificado no cargo pola Xunta, adiantou que Inditex aboará en 2023 un dividendo extraordinario de 0,40 euros por acción, que se unirá ao dividendo ordinario correspondente ao exercicio de 2022.
García Maceiras destacou o modelo de negocio da compañía, do que comentou que se atopa "actualmente a pleno rendemento e cun enorme potencial fronte ao futuro".
Ademais de corroboraren o novo organigrama do grupo, os accionistas da compañía galega aprobaron as contas de 2021, que concluíu o pasado 31 de xaneiro cun beneficio neto de 3.243 millóns de euros, e a repartición dun dividendo de 0,93 euros brutos por título (2021) e o citado aboamento extraordinario de 0,40 euros por acción con cargo a 2022.
Con respecto ao aboamento de 2021, a metade (0,465 euros) xa foi posta ao dispor dos accionistas o pasado 2 de maio, en tanto que o pagamento do resto se efectuará o 2 de novembro.
O conselleiro executivo do grupo anunciou a recente entrada de Inditex no capital da empresa emerxente, ou startup, CIRC, en unión con outros investidores, que ao seu xuízo "dará resposta aos retos de sustentabilidade" cunha nova xeración de fibra sostible.
Puntualizou que Inditex seguirá buscando proxectos e iniciativas sobre sustentabilidade, xa que, dixo, "é unha vía que se deixa aberta".
A Xunta aprobou tamén a reelección de dous conselleiros independentes, Pilar López e Rodrigo Echenique, a designación da empresa auditora das contas Ernst & Young ata 2024 e a modificación da política de remuneracións dos conselleiros para os exercicios 2021, 2022 e 2023, entre outros puntos da orde do día.