Marta Ortega: "Pídovos apoio e paciencia mentres sigo aprendendo de todos"
A nova presidenta de Inditex remite unha carta ao persoal na que mostra un "enorme" agradecemento pola confianza depositada nela e un "profundo" sentimento de responsabilidade
Marta Ortega é desde hoxe a presidenta de Inditex. A empresa de maior cotización en España asume a remuda xeracional nun momento económico delicado, marcado pola guerra de Ucraína e a crise de stocks e subministracións.
Este 1 de abril de 2022 queda marcado como un fito na compañía fundada por Amancio Ortega en 1963. A súa filla Marta Ortega, de 37 anos, asume a presidencia do grupo e abre un novo capítulo na historia da empresa de maior cotización en España.
Marta Ortega leva 15 anos no grupo Inditex. Comezou traballando nas tendas de Zara e Berska en Londres e o pasado 30 de novembro foi designada polo seu pai. Agora como presidenta non executiva supervisará as áreas de Secretaría xeral, de Auditoría interna e a de Comunicación.
A súa man dereita será Óscar García Maceiras, como conselleiro delegado, e contará cun Comité de Dirección formado por 9 executivos.
Marta Ortega chega á presidencia de Inditex nun momento complicado pola crise de Ucraína e tamén tras anunciar a suba dos prezos un dous por cento no mercado español debido á inflación.
Quizais por iso, Ortega, nunha carta dirixida aos traballadores da multinacional, pediulles apoio e paciencia mentres segue aprendendo cada día. Asegura asumir o cargo cun profundo sentimento de responsabilidade e co orgullo que supón facelo como parte dun equipo insuperable que é, di, o corazón e a clave do éxito da empresa.