Martínez Allegue: "O obxectivo é construír 25.000 vivendas públicas en solo urbano"
Martínez Allegue: "O obxectivo é construír 25.000 vivendas públicas en solo urbano"
A conselleira de Vivenda avanza que nuns días se coñecerán os cambios para adquirir solo residencial en concellos con demanda
Asegura que a declaración de zonas tensionadas ten efectos indesexados e supón intervir o mercado
A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, fixa como obxectivo nos próximos anos duplicar o parque público de vivendas e desenvolver solo urbanizable. Nunha entrevista na Radio Galega, a conselleira daba cifras.
"Aspiramos a construír 25.000 vivendas das que 20.000 serán protexidas. De momento, mobilizamos preto de 1.500 novas vivendas de promoción pública nas grandes cidades e nas súas contornas, que é onde existe esa demanda".
Martínez Allegue sinala as promocións de vivenda que se están realizando no barrio coruñés de Xuxán, na zona de Navia (en Vigo), no barrio do Bertón, en Ferrol, ou en Valdecorgos, Pontevedra.
"Son programas de vivenda que veñen acompañados de investimentos que se recollen nos orzamentos, que se multiplicaron por tres para esta finalidade. Agora, cómpre desenvolver medidas normativas para que estas vivendas estean en marcha o antes posible", subliñou.
A conselleira explicou que, nese cambio normativo, será clave a figura de "proxecto de interese autonómico", a través do cal se poderá obter solo nos concellos para construír vivendas e reducindo os trámites á metade.
A titular de Vivenda avanzou que nuns días a Xunta dará a coñecer cales serán eses cambios normativos e que todo se fará en colaboración cos concellos.
"Xa temos estudos en zonas susceptibles de ser urbanizables para construír vivendas a prezos accesibles: un 80 % serán vivendas protexidas e un 20 % libres". Nestas novas promocións, un 40 % irá para alugueiro e un 25% para adquisición para menores de 36 anos".
A conselleira lembrou, ademais, outras liñas de axuda para que os máis novos podan emanciparse como axudas para a compra de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes e ata 20.000 euros de axuda directa para a adquisición en cascos históricos.
En materia de vivenda pública, Martínez Allegue botoulle en cara ao Goberno central a falta de apoio económico para Galicia, malia cumprir cos obxectivos marcados dos programas europeos neste eido.
"Somos unha comunidade cumpridora ó cento por cento no tocante á vivenda pública e facémolo todo con fondos propios e fondo europeos, con cartos que non son do Goberno central".
Urbanizacións paradas e rehabilitacións
Para esta lexislatura, outro dos obxectivos da Xunta é recuperar esqueletos de edificios que quedaron parados durante a crise e incrementar as rehabilitacións nas zonas vellas das cidades.
A conselleira avanzou que aqueles edificios residenciais inacabados poderán solicitar licenza para seren rematados ata 2028.
"A condición é que o 50 % deses pisos sexan protexidos e que a licenza solicitada esta amparada polo planeamento urbanístico daquel momento".
En canto ás zonas históricas, a conselleira puxo en valor a adquisición de inmobles en cidades como Betanzos, Tui ou na Coruña para a súa rehabilitación.
"Adquirimos 93 inmobles que dan para 165 vivendas. Unha vez rehabilitados, cualificarémolos como vivendas de promoción pública e destinarémolos a alugueiros sostibles".
Dentro deses inmobles tamén se atopan baixos ós que a Xunta espera darlles unha segunda vida para revitalizar a economía dos casos vellos.
Zonas de alugueiro tensiondas
A conselleira insiste na súa oposición a declarar zonas tensionadas nos prezos do mercado do alugueiro tal e como establece a Lei estatal de Vivenda porque considera que se intervén no mercado e que os efectos son negativos.
"A lei deixa un efecto contrario ó desexado, xa que son menos as vivendas dispoñibles no mercado, menos as vivendas que se destinan a alugueiro e son máis as vivendas baleiras".
Malia que a lei está recorrida, María Martínez Allegue recalca que dende a Xunta a van acatar e insiste en que se algún concello solicita a declaración de zona tensionada e o xustifica de acordo aos parámetros que fixan as leis estatal e autonómica non terán ningún problema en declarar esas zonas de mercado tensionado.