Varios nichos do cemiterio de Viñoás, en Nogueira de Ramuín, levan medio ano ao descuberto pola chuvia
Varios nichos do cemiterio de Viñoás, en Nogueira de Ramuín, levan medio ano ao descuberto pola chuvia
Varios nichos do cemiterio de Viñoás, en Nogueira de Ramuín, levan medio ano ao descuberto pola chuvia
As dificultades para contactar cos propietarios están complicando a reparación dos danos
A herba que xa crece sobre os cascallos dá idea do tempo que leva derrubado o cemiterio de Viñoás, en Nogueira de Ramuín. Arredor de medio ano, calculan os veciños, que o único que puideron facer ata o momento foi taparen a boca dos nichos para ocultar o que a chuvia deixou ao descuberto.
"Houbo que tapar para que non se vira nada de nada, porque a xente vai á misa e, ti imaxínate, unha cativa que diga 'mira, papá, o que atopei", indica un veciño da zona.
O cemiterio está situado nunha ladeira cunha grande inclinación, en plena Ribeira Sacra ourensá. Foi ese desnivel do terreo, combinado coas abundantes chuvias que caeron este inverno, o que provocou o derrubamento. Hai varios nichos afectados, dos máis antigos do lugar.
"Poucos, pero os que levou, levounos tal cal, coma un tsunami, dez ou doce", engade o veciño.
A dificultade para identificar todos os propietarios e que se fagan cargo dos restos é o que está complicando os labores de reparación, que deben estar supervisados por Patrimonio.
"Non é por falta de interese nin por parte do párroco nin do bispado. Está dando un tempo prudencial para que a xente reclame os restos dos seus antepasados", explica outra veciña.
Mentres tanto, os usuarios da igrexa parroquial, á que pertencen un cento de veciños da contorna, deben convivir con esta estampa que, ademais, obstaculiza o movemento polo cemiterio e o acceso a outras tumbas.