Medio ano reclamando que arranxen a ponte ferrolá de Xoane, situada sobre a AP-9
Medio ano reclamando que arranxen a ponte ferrolá de Xoane, situada sobre a AP-9
A ponte perdeu parte da súa varanda tras un aparatoso accidente
Sen boa parte da súa varanda. Así está a ponte de Xoane, en Ferrol, desde o pasado 13 de xullo, que foi cando un vehículo ao saír da vía bateu contra ela e quedou pendurado do viaduto, a uns dez metros de altura. Desde aquela, os veciños esíxenlle á Deputación da Coruña, que é a titular da vía, os seus arranxos.
"Isto é unha falta de respecto e un perigo público". "Levamos así seis meses, desde o accidente. Vai sendo hora de que a arranxen", comentan os veciños.
E por mor dese aparatoso accidente, do que os dous ocupantes saíran ilesos e fuxiran, malia que foran identificados días despois, nesa zona puxeron, e xeito provisional, bloques de formigón e barreiras de protección que invaden parte da beirarrúa. E esta, precisamente, é outra das queixas dos que residen na zona.
"É que xa non pasamos como antes. Por aí xa non collemos dúas persoas", "Tés que ceder o paso ou baixar á calzada por onde veñen os coches", "Puxeron ese parche e así quedou", ¨É un perigo porque por aquí camiñan moitos nenos para ir ao colexio", engaden.
Denuncian tamén o exceso de velocidade dalgúns condutores, polo que reclaman bandas redutoras.
"Algúns circulan a moita velocidade porque aquí non respectan nada". Consideran imprescindibles todas as súas reclamacións para mellorar a seguridade viaria na zona.