Medran os divorcios sen acordo en Galicia
Medran os divorcios sen acordo en Galicia
Os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial din que medraron case un 5,5 % cun total de 2.040 demandas
En 2022 mentres en España diminuíron as rupturas matrimoniais, en Galicia medraron un 1,6 %. A suba máis significativa foi a dos divorcios sen acordo. Medraron case un 5,5 %, cun total de 2.040 demandas.
"É rechamante que aumentasen máis os contenciosos ca os non contenciosos, cando é bastante claro que é mellor acudir a un proceso de separación de mutuo acordo". Das cifras publicadas polo Consello Xeral do Poder Xudicial, a avogada Pilar Cortizo destaca tamén a volta ás separacións previas, que atribúe a razóns económicas.
"Antes, ante unha ruptura matrimonial un dos dous cónxuxes quedaba co domicilio. Agora mesmo isto é máis problemático, e o que estamos a ver no despacho os avogados é que prefiren diferir ese proceso do divorcio ao momento en que poidan liquidar e solucionar ese tema económico".
Outro dato que salientar: en parellas non casadas descendeu o número de procedementos de modificación de medidas de garda, custodia e manutención de fillos e fillas.
"A baixada da natalidade é un fenómeno xeral en todo o territorio aquí en Galicia, pero máis se cabe nas parellas que non teñen vínculo matrimonial", apunta a avogada Pilar Cortizo.
Malia a subida dos divorcios, Galicia segue a estar por debaixo da media de España en número de demandas por cada 100.000 habitantes: case 190 fronte ás máis de 200 de media estatal.