Mellora a situación dos incendios en Grecia e Italia
Mellora a situación dos incendios en Grecia e Italia
Os bombeiros logran conter os principais incendios forestais en Grecia
Os incendios seguen activos no sur de Italia, pero a situación mellora
Os bombeiros lograron conter os incendios forestais no centro de Grecia e na illas de Rodas, Corfú e Eubea, que desde a semana pasada destruíron milleiros de hectáreas de monte.
Por primeira vez despois de dez días de loita contra as lapas a situación en Rodas, no mar Exeo oriental, está baixo control grazas aos esforzos duns 300 bombeiros e miles de voluntarios que sufocaron pequenos focos de lume.
Desde primeira hora da mañá empezaron a operar na zona cinco avións e un helicóptero cisterna.
Este incendio calcinou máis de 16.000 hectáreas de bosque e obrigou durante a fin de semana pasada a evacuar unhas 19.000 persoas, entre elas 7.000 turistas.
O lume queimou tamén decenas de vivendas e un número aínda non cuantificado de animais.
Contido atópase tamén o gran incendio que se declarou este mércores ao sur da cidade de Volos en Grecia central.
O xoves as chamas alcanzaron un depósito de municións das Forzas Aéreas gregas, onde había mísiles, bombas e armas de cazas F-16, o que causou fortes explosións e forzou a milleiros de persoas a ser evacuadas da zona.
Contidos atópanse tamén os incendios nas illas de Corfú, no nordés do país, e na illa de Eubea, ao nordés de Atenas.
Segundo o ministro de Crise Climática e Protección Civil, Vasilis Kikilias, desde o pasado día 17 ata o xoves declaráronse en Grecia un total de 594 incendios.
Cinco persoas morreron por mor do lume, entre eles dous pilotos ao esnafrarse un avión en Eubea.
Forte vento do norte chegou o xoves ao sueste de Europa, poñendo fin á canícula que viviu Grecia durante tres semanas, con temperaturas que alcanzaron os 46,4 graos, a maior rexistrada xamais no país.
Con todo, o risco de incendios seguirá sendo elevado durante os próximos días, debido á seca e os fortes ventos que azoutarán algunhas zonas do país, advertiron as autoridades.
Grandes perdas en Italia
Varios incendios continúan activos no sur de Italia e a maior gravidade rexístrase agora na rexión de Apulia, onde este xoves tiveron que ser evacuados os turistas dun hotel e as persoas que estaban na praia na zona de Ugento e na illa de Sardeña.
O incendio que afectou o litoral de Apulia durante toda a noite foi xa controlado polos bombeiros e só quedan algúns focos e aínda que non se rexistraron feridos, aínda que os danos na zona son graves.
As lapas obrigaron a desaloxar o hotel Rottacapozza, na provincia de Lecce, mentres que tamén tiveron que ser evacuadas as persoas que estaban na praia ante o lume que se propagaba ás súas costas no piñeiral, informan os medios locais.
Desde o domingo, realizáronse 3.232 intervencións entre Apulia, Sicilia, Calabria e Sardeña, por parte dos 9.846 bombeiros que se relevaron nas operacións de rescate nas 4 rexións e só en Sicilia leváronse a cabo 1.414 intervencións por incendios forestais, o maior número entre as rexións do sur, informou Protección civil.
Continúan activos varios incendios na zona de Nuoro, en Cerdela, onde as lapas ameazaron vivendas e un cámping e tamén se rexistraron incendios na localidade de Matera (centro) e na zona do Jónico.
Mentres Sicilia comeza a conta de danos tras os terribles incendios destes días, declarou o estado de crise e emerxencia rexional e solicitou ao goberno nacional que recoñeza o estado de emerxencia tamén pola onda de calor excepcional na illa.
Segundo unha primeira estimación proporcionada sobre a rexión de Sicilia, hai centos de edificios, infraestruturas e sistemas de servizos xerais destruídos ou danados polos incendios e unhas 2.000 persoas evacuadas, aínda que sexa por precaución, dos cales un centenar non poden regresar aos seus fogares e necesitan un aloxamento alternativo.
Os incendios causaron danos por valor de máis de 60 millóns de euros aos que hai que sumar os máis de 200 millóns de euros no sector da agricultura.