Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tellado: "Estas son unhas contas baseadas en previsións de crecemento irreais"

Tellado: "Estas son unhas contas baseadas en previsións de crecemento irreais"

O vicesecretario de organización do PP recoñece que hai "avances" na renovación do Poder Xudicial

Miguel Tellado, secretario de organización do PP
G24.gal 26/10/2022 09:51

Comeza a tramitación no Congreso dos presupostos xerais do Estado do ano que vén. O PP pedirá na Cámara a devolución das contas por considerar que están baseadas nunhas previsións de crecemento que quedaron xa totalmente desfasadas. Explicábao nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega o senador e vicesecretario de organización do PP, Miguel Tellado.

"Son unhas contas irreais. Onte a AIREF dixo que no último trimestre do ano España vai entrar tecnicamente en recesión e o Goberno presenta unhas contas que non se basean nas previsións económicas de ningún organismo internacional".

Tellado asegura que hoxe as familias españolas son un dez por cento máis pobres e menos competitivas por mor dunha inflación "galopante que se está comendo as pensións, as nóminas dos traballadores e a competitividade das empresas". A xuízo do senador popular, estamos ante unhas contas que son "a campaña de propaganda dun Goberno que está máis preocupado das eleccións xerais que se celebrarán a finais do ano que vén que de atender a situación do noso país".

O vicesecretario de organización do PP marca distancias coa política económica defendida pola exprimeira ministra británica, Liz Truss. Argumenta que o seu grupo nunca pediu baixadas masivas de impostos, senón baixadas selectivas dirixidas a reactivar a nosa economía. Miguel Tellado avisa de que se o Goberno non retira as contas podería darse en España a mesma situación que no Reino Unido: "Falta de credibilidade e previsións económicas ficticias que redundarán en máis déficit, máis débeda e perda de competitividade da nosa economía". 

Tellado critica tamén a xestión que o Goberno está facendo dos fondos europeos. Asegura que o seu grupo estará vixiante para comprobar como se distribúen as axudas do PERTE da automoción ás que opta Stellantis e insiste en que é preciso "mellorar a xestión dos fondos dando participación ás comunidades autónomas" e acelerar a súa execución xa que, ao seu xuízo, "España está á cola" en canto á execución e corremos o risco de que Europa reclame o reembolso dos cartos por non cumprir os fitos esixidos por Bruxelas.

Avances na renovación do Poder Xudicial

Na entrevista, o secretario de organización do PP recoñeceu que se produciron "avances" nas últimas semanas para renovar os órganos xudiciais que seguen aínda pendentes.

"É certo que nas últimas semanas se produciron avances. Nós agardamos acadar un acordo conxunto que permita renovar o Tribunal Constitucional e o Consello Xeral do Poder Xudicial e crear un novo marco que profunde na independencia do Poder Xudicial". 

Tellado elude dar máis detalles sobre a evolución das negociacións. Explica que "a mellor forma de garantir o avance das conversas é ser prudentes" e lamenta que o Goberno non estudara a proposta remitida polo PP antes do verán ata que se produciu a renuncia de Carlos Lesmes

O Villa de Pitanxo e o veto á pesca de fondo

O secretario de organización do PP referiuse, na Radio Galega, á decisión da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo de atender a petición das familias das vítimas e pedir que se baixe ao pecio do Villa de Pitanxo. Miguel Tellado considérao unha boa noticia e lamenta a "falta de sensibilidade do presidente do Goberno con este asunto, que nin recibiu as familias, cousa que si fixeron outras autoridades internacionais".

Tellado pídelle ao Goberno que actúe ante o veto decretado pola Comisión Europea á pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico. Afirma que están afectados máis dun millar de barcos galegos e catro mil cincocentas familias e calcula que esta prohibición provocará unhas perdas de ata 230 millóns de euros anuais. 

"O Goberno tiña que ter enviado a Bruxelas o impacto socioeconómico do veto, tiña que ter recorrido, tiña que ter pedido a suspensión cautelar do veto e non o fixo".

Segundo Miguel Tellado, o Goberno está "desatendendo" a nosa frota e "non está nin se lle espera".
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade