Publicador de contidos
Publicador de contidos

Javier Milei arremete contra o socialismo e chámalle "corrupta" á muller de Sánchez

Javier Milei arremete contra o socialismo e chámalle "corrupta" á muller de Sánchez

O presidente arxentino foi a estrela do acto que reuniu os principais líderes da ultradereita en Madrid

Vox arrancou a súa precampaña para as eleccións europeas do 9 de xuño cunha convención en Vistalegre

Javier Milei na convención política de Vox
G24.gal 19/05/2024 14:44 Última actualización 19/05/2024 16:28

Javier Milei arremeteu contra o socialismo "maldito e canceríxeno" que "convida á morte" e chamoulle "corrupta" á muller de Pedro Sánchez, que, segundo dixo, "se ensuciou e tomou cinco días" para pensar se deixaba o poder.

O presidente arxentino foi a estrela da convención política de Vox que se celebrou esta fin de semana en Madrid e coa que arranca a precampaña da formación ultradereitista para as eleccións europeas do 9 de xuño.

Vox conseguiu encher o palacio Vistalegre para celebrar o acto central da convención política coa que arranca a precampaña para as eleccións europeas do 9 de xuño.

Un total de 160 xornalistas de 90 medios de comunicación de 16 países estaban acreditados para informar dun acto que reuniu en Madrid os principais líderes da estrema dereita internacional.

Ademais do mandatario arxentino, estaba Marine Le Pen ou o presidente da Chega portuguesa. Telematicamente tamén participaron o húngaro Viktor Orbán ou a italiana Meloni.

José Antonio Ortega Lara, un dos fundadores de Vox e vítima do secuestro máis longo da ETA, abriu a rolda de intervencións.

Referencia a Pedro Sánchez

Javier Milei foi recibido con berros de liberdade. Defendeu os principios ultraliberais, atacou o Estado, a xustiza social e socialismo con referencia implícita a Pedro Sánchez.

"Eu cando teña a muller corrupta, digo, mellor toma cinco días para pensalo (...) Abrirlle a porta ao socialismo é convidar a morte (...) Vou predicar co exemplo e voulle demostrar ao mundo que un goberno coas nosas ideas pode ter éxito".

Santiago Abascal pechou o acto apelando á "alianza común dos defensores da liberdade".

"E fronte ao globalismo que ataca soberanías nacionais e fronte ao socialismo criminal que restrinxe a liberdade de prensa debemos responder cunha alianza común dos defensores da liberdade e da seguridade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade