Miles de agricultores concéntranse en Madrid contra os acordos comerciais que "ameazan" o sector
Miles de agricultores concéntranse en Madrid contra os acordos comerciais que "ameazan" o sector
As asociacións Asaja e COAG esixen solucións ante pactos como o de Mercosur
Uns 5.000 agricultores concentráronse este luns ante a sede do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) en Madrid para protestar contra os acordos de libre comercio que, segundo denuncian, prexudícanlles e ameazan a súa actividade.
A convocatoria, organizada polas asociacións agrarias Asaja e COAG, e apoiada por Cooperativas Agroalimentarias, marca o inicio dun calendario de protestas, que aínda non está defindo, no caso de que non se acheguen solucións.
Os agricultores chegaron desde distintos puntos do país, como Almería, Toledo, Palencia, Madrid e Cádiz e concentráronse de forma pacífica facendo soar pitos e lanzando petardos, mentres corearon consignas en contra de acordos como o da Unión Europea e o Mercosur, aprobado recentemente por ambos os bloques e á espera de ratificación.
Asaja e COAG cren que actualmente "todo" o sector agrario "atópase ameazado" pola proliferación de acordos de libre comercio favorecendo, ao seu xuízo, as importacións de produtos agrarios por baixo de custos de produción (como moeda de cambio doutros intereses) e sen cumprir as normativas da UE, o que impacta nos agricultores coa perda de ingresos e de miles de explotacións familiares anuais.
As dúas organizacións consideran que o apoio a estes acordos por parte da Comisión Europea, o Goberno español e o MAPA "pon en xaque" os obxectivos de adaptación e mitigación do cambio climático, a substitución xeracional e a consecución duns ingresos "xustos" para os produtores.
Defensa do acordo con Mercosur
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, defendeu o acordo no seo da Unión Europea cos países de Mercosur, negando que vaia supoñer unha alteración de mercados dos produtos no marco comunitario e descartando que, a pesar das mobilizacións orixinadas en Francia e que se estenderon, vaian agudizarse como ocorreu a principio de ano.
Ademais quixo, en todo caso, mostrar o seu "absoluto respecto" polas mobilizacións, pero agregou que a súa visión do acordo pasa por "unha grande oportunidade para España e para a Unión Europea", xa que se poderá ampliar o mercado de exportacións a países que supoñen máis de 260 millóns de persoas.