Publicador de contidos
Publicador de contidos

Miles de móbiles reciben alerta por simulacro de accidente nas instalacións de Repsol Butano na Coruña

Miles de móbiles reciben alerta por simulacro de accidente nas instalacións de Repsol Butano na Coruña

Tratábase de probar É-Alert, un sistema de alerta masiva da Xunta de Galicia que permite enviar unha mensaxe a todos os móbiles dunha zona concreta en caso de emerxencia

O obxectivo destas mensaxes é avisar a poboación dunha emerxencia ou catástrofe e indicar como actuar

TVG
G24.gal 15/10/2024 11:47 Última actualización 15/10/2024 15:03

O 112 Galicia activou en miles de teléfonos móbiles da área da Coruña un simulacro de alerta de accidente nas instalacións da empresa Repsol Butano na Coruña.

Aínda que se informou de que a alarma chegaría ás 10:00 horas deste martes, 15 de outubro, non foi ata as 10:41 horas cando os teléfonos móbiles situados na Coruña e arredores recibiron unha mensaxe cun son a máximo volume e unha vibración.

A alerta, que informa dun simulacro do Plan de Emerxencia Exterior de Agrela-Bens, chegou a miles de móbiles localizados na Coruña e Arteixo, así como de zonas limítrofes como Oleiros, Culleredo, A Laracha e ata Carballo.

A Xunta probou así o É-Alert, un sistema de alerta masiva que permite enviar unha mensaxe a todos os móbiles dunha zona concreta en caso de emerxencia.

"É a nova tecnoloxía ao servizo das emerxencias e ao servizo da poboación", sinala Santiago Villanueva, director xeral de Emerxencias.

Mensaxe para probar o Es-Alert, un sistema novo de aviso masivo á poboación en caso de risco.

"O usuario le o aviso, onde nunha emerxencia real, imos indicar o que está pasando e o que ten que facer (en caso de confinarse, confinarse; se hai que evacuar, evacuar), dálle a acpetar e aí para", explica Marcos Araújo, xerente de AXEGA.

Nesta actuación, na que se simulou un accidente na refinería, colaboraron os concellos da Coruña e Arteixo e a empresa Repsol Butano.

O sistema integrado na Rede de Alerta Nacional do Ministerio do Interior só funciona en smartphones, que teñen que estar acesos e co modo avión desactivado.

Aínda que isto foi un simulacro, o obxectivo destas mensaxes é avisar á poboación dunha emerxencia ou catástrofe e indicar como actuar.

A mensaxe deste martes lembraba que se trata só dunha proba, polo que, tras lelo, os usuarios só tiñan que pulsar aceptar

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade