Miles de persoas participan nun gran xantar na rúa para celebrar a coroación de Carlos III
Miles de persoas participan nun gran xantar na rúa para celebrar a coroación de Carlos III
Os príncipes de Gales saíron a saudar os cidadáns concentrados nos arredores de Windsor
Buckingham asegura que Carlos e Camila están conmovidos pola celebración
Co concerto desta noite finaliza unha xornada de festa bautizada como "o gran xantar" na que miles de cidadáns se xuntaron nas rúas das vilas e cidades do Reino Unido para celebrar a coroación de Carlos e Camila.
Sara conta que se sente moi feliz por ter esta celebración, e de que todos os veciños se uniran, e asegura que lle están moi agradecidos á familia real.
Outro dos comensais, francés, conta que todos fixeron algo, trouxeron comida, viño e champaña, que se trata de ter unha festa sexas británico ou francés ou australiano.
As autoridades calculan que houbo uns 50.000 actos deste tipo en todo o pais. Nalgúns participaron membros da familia do rei, como a súa irmá Ana ou os duques de Edimburgo Eduardo e Sofía.
E o primeiro ministro Rishi Sunak convidou diversos voluntarios e heroes locais a un xantar na súa residencia oficial.
Os príncipes de Gales non participaron nestas celebracións pero si saíron a saudar os numerosos cidadáns que se concentraron nos arredores do castelo de Windsor. Durante o paseo, que durou media hora, Guillerme recibiu como agasallo unha lata de cervexa artesanal bautizada co nome de "O regreso do rei", mentres Catarina consolaba unha pequena que non paraba de chorar.
Un voceiro do palacio de Buckingham comunicou que o rei Carlos e a raíña Camila estaban profundamente conmovidos pola celebración nacional dunha coroación histórica.