Miles de persoas reclaman en Madrid "eleccións xa" con críticas reiteradas a Pedro Sánchez
Miles de persoas reclaman en Madrid "eleccións xa" con críticas reiteradas a Pedro Sánchez
Os protagonistas do acto fixeron fincapé na situación xudicial que afecta ao Goberno polos presuntos casos de corrupción
Os convocantes cifran a participación en 400.000 persoas e a Delegación do Goberno en 25.000
A praza de Castilla de Madrid foi o escenario desta manifestación, apoiada por un cento de organizacións da sociedade civil aglutinadas na Plataforma pola España Constitucional. O acto celebrouse baixo lema Pola unidade, a dignidade, a lei e a liberdade. Eleccións xerais xa. Os promotores denuncian a situación xudicial que -din- afecta ao Goberno, tamén os presuntos casos de corrupción e os beneficios penais para os presos etarras. Desde a tribuna, fortes críticas a Pedro Sánchez, a quen consideran "inimigo".
"Inimigo da liberdade de prensa, da propiedade privada, inimigo da unidade de España, da independencia das institucións e amigo, moi amigo, dos narcoestados, de Hamás, dos ditadores, dos etarras e dos golpistas cataláns", proclamaba deste a tribuna Albert Castillón, xornalista e covoceiro da plataforma.
O Partido Popular e Vox, con Santiago Abascal á fronte, apoiaron a protesta. Non estiveron presentes os líderes principais do PP, que enviou unha delegación encabezada pola vicesecretaria de Organización, Carmen Fúnez.
"Nunca antes fora imputada a muller do presidente do Goberno como o está agora, nunca antes fora imputado o irmán do presidente do Goberno como o está agora e nunca antes fora imputado o fiscal xeral do Estado", declaraba Fúnez ante os medios.
Os promotores fixeron fincapé precisamente nesa imputación ao fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, e pediron a súa dimisión.