Publicador de contidos
Publicador de contidos

Milei reforma a lei ómnibus para lograr o consenso no Congreso arxentino

Milei reforma a lei ómnibus para lograr o consenso no Congreso arxentino

A lei ómnibus segue sendo una marco efectivo para que o executivo asuma funcións do lexislativo 

Xornada de folga xeral na Arxentina este mércores 

G24.gal 23/01/2024 09:11

O Goberno do libertario Javier Milei cede perante a oposición e acepta modificar máis dun cento de artigos do seu proxecto estrela, a denominada lei óminibus. O presidente arxentino busca os votos da oposición para lograr suficientes apoios na Cámara Baixa arxentina, para que a súa reforma do Estado saia adiante.

O revisado Proxecto de Lei sobre Bases e Puntos de Partida para a Liberdade dos Arxentinos limita o período de emerxencia pública ata o 31 de decembro de 2025. Dous anos como máximo, fronte aos catro que prevía inicialmente. 

525 artigos fronte aos 664 expostos inicialmente 

No novo proxecto presentado por Milei, xa non se menciona explicitamente o decreto de necesidade e urxencia (DNU),  eliminouse a petroleira YPF das empresas estatais que se queren privatizar, cambia as prestacións de xubilación e suprime as chamadas "pensións vitalicias" para os expresidentes e exvicepresidentes da Arxentina. 

Outro dos apartados polémicos que se modifica é o relativo á seguridade, en que se eleva de 3 a 30 o número de persoas convocadas con carácer intencional e temporal para que a xuntanza sexa considerada unha manifestación.

No apartado cultural, o novo texto proposto polo Executivo arxentino mantén o peche de institucións públicas como o Instituto Nacional do Teatro ou o Fondo Nacional das Artes, pero prevé a posibilidade de que se abran novos organismos que asuman eses ámbitos. 

Xornada de paro xeral nas rúas 

A nova lei ómnibus continúa sendo un marco efectivo para que, de aprobarse, o poder executivo poida asumir funcións do lexislativo.

Aínda que Milei e os seus colaboradores esperaban culminar este proceso nun tempo récord, o presidente aceptou o pasado venres prorrogar as sesións no Parlamento ata o 15 de febreiro. Ata entón, ás tribulacións políticas sumaránselles as decisións xudiciais, que xa suspenderon parte dos desregulamentos incluídos no DNU, e a oposición nas rúas, onde o Goberno se enfrontará a un importante test este mércores, cando terá lugar a media xornada de paro xeral e mobilizacións fronte ao Congreso. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade