Publicador de contidos

Publicador de contidos

Milleiros de autónomos, obrigados a revisar as cotas pagadas os dous últimos anos

Milleiros de autónomos, obrigados a revisar as cotas pagadas os dous últimos anos

Un cambio na norma esixe que se regularicen as bases de cotización dende 2023

Algúns traballadores terán que pagar máis do que xa aboaron e para moitos supón máis trámites

A maiores, hai autónomos que deben devolver axudas concedidas durante a pandemia

G24.gal 22/04/2025 14:40

Un cambio na norma, aplicable dende 2023, está obrigando agora a que milleiros de traballadores autónomos teñan que regularizar as cotas que xa pagaron á Seguridade Social os dous últimos anos. Para algúns son máis cartos e para moitos, máis trámites.

É a xestión pola que xa pasou Damián García, autónomo especializado en márketing e intelixencia artificial en Vigo. El xa tivo que pagar cento cincuenta euros pola diferenza sobre a súa base de cotización de 2023: Damián escollera un tramo calculando canto facturaría pero logo asignáronlle outro polo rendemento real que tivo.

"O tema é tamén esta incerteza, que temos que agardar meses e meses para saber cales son as cifras exactas que imos ter que pagar nestas regularizacións", cóntanos Damián na oficina na que xestiona a web AllMyGPT.

As notificacións empezaron a chegar a finais de 2024 e a partir de agora haberá revisións cada ano. Algúns autónomos non terán que facer nada, outros deberán pagar a diferenza e hainos tamén aos que lles corresponde unha devolución.

"Cal é o problema?", pregúntase Damián. "Que todo isto contribúe a complicar máis o panorama para os autónomos. Ao final estas cousas fannos estar máis pendentes das asesorías e dos pagos fiscais có do noso traballo".

"Ao final é un novo sistema que cambiou", explica Bernadette Nuijen, a delegada en Pontevedra da Asociación de Traballadores Autónomos. "Hai que adaptarse e, como 2023 é o primeiro ano que se revisa, está sendo un pouco máis complicado".

Porque, ollo, incluso pode haber máis complicacións. Hai autónomos aos que lles están revisando, agora, axudas recibidas durante a pandemia. Moitos teñen que demostrar que cumprían as condicións para recibilas.

"Hai autónomos que non cumpriron as condicións e teñen que devolver os cartos", di a delegada de ATA, que asegura que na entidade reciben moitas chamadas sobre este asunto.

As axudas da covid podían sumar varios milleiros de euros. Son cantidades que agora algúns terán que devolver.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade