Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os meses con R son os do mellor marisco: mito ou realidade?

Os meses con R son os do mellor marisco: mito ou realidade?

Cúmprese coa centola e a nécora, pero non cos percebes ou os bivalvos

A crenza baséase na temperatura da auga e nos ciclos de reprodución do marisco

G24.gal 22/04/2025 14:19

Se a tradición acerta, cómpre apurar para ter unha boa mariscada. Abril vai rematando e ata setembro non teremos outro mes con R para gozar dos mellores manxares das rías. Ou si?

"Para min os mellores meses son os da antiga costeira, de outubro a marzo".

"Iso dicían os avós, pero non sempre pasa, a centola aínda agora que estamos a finais de abril está moi boa".

"Dependendo do mes, cambia moito o sabor".

"Eu, que son maior, non levo marisco fora dos meses de R", din praceiras e clientas do mercado de Pontevedra.

O dito cúmprese en especies como a centola ou a nécora, que chegan ao seu esplendor nos meses de inverno. 

"No verán abren a veda da nécora pero non está ao 100 %, un mariñeiro ten que escoller do capacho e non queda nin coa metade".

"A nécora ten o seu tempo, a centola tamén. Cando máis rica está é en febreiro e marzo".

Pero outros mariscos desmontan a teoría, posto que manteñen o sabor e a calidade en calquera época do ano.

"Por exemplo, o percebe, que se é gordiño, sempre está ben, ou os mariscos de cuncha, ou as cigalas".

A orixe da crenza ten moito que ver cos ciclos de reprodución dos mariscos e a temperatura da auga: canto máis fría, mellor. Pero, para algúns, o cambio climático está a facer que todo cambie, incluídos os ditos populares.

"Antes o do R era verdade, agora co cambio climático volveuse mito porque a auga está cada vez máis quente, desovan antes de tempo, é todo moi diferente".

Por iso, o mellor é non vir co marisco pensado da casa e deixarse aconsellar polos praceiros. Se non hai pata haberá cuncha, pero sempre terán produto fresco para unha boa homenaxe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar