Publicador de contidos
Publicador de contidos

Milleiros de civís ucraínos evacuados de Irpin e Sumi polos corredores humanitarios

Milleiros de civís ucraínos evacuados de Irpin e Sumi polos corredores humanitarios

A operación fracasou en Mariupol, onde o exército ruso non respectou o alto o fogo pactado con Kíiv e bombardeou os autobuses que ían rescatar a poboación

Imaxes da evacuación de civís na cidade de Sumi
G24.gal 08/03/2022 20:32

Por primeira vez desde o inicio da guerra, os corredores humanitarios pactados por Kíiv e Moscova permitiron o paso de civís nalgúns puntos de Ucraína.

Varios milleiros de persoas lograron escapar das cidade de Irpin e Sumi, onde un bombardeo ruso matou 12 cidadáns a pasada madrugada, incluídos algúns nenos.

Tras varios días de compromisos incumpridos, Rusia respectou o alto o fogo temporal que permitiu a evacuación da poboación civil deses territorios. Familias enteiras, con nenos e anciáns, foxen do horror da guerra. 

Sumi e Irpin son as únicas cidades en que as autoridades ucraínas confirman que a poboación civil puido ser evacuada con seguridade. 

Feridos, persoas discapacitadas e nenos orfos tiñan prioridade. Detrás deles ían familias enteiras intentando fuxir da guerra. Outras quedaban partidas pola metade. Este oficial da policía ucraína ten que despedirse da súa muller do seu fillo, angustiado, que foxen de Irpin.

A evacuación fracasou en Mariupol, onde segundo as autoridades ucraínas Rusia non respectou o cesamento do fogo e atacou os 30 autobuses que se dirixían á cidade para recoller civís.

O exército de Putin leva cinco días bombardeando a cidade, clave para chegar ata Odesa, principal porto do mar Negro. Os seus habitantes preparan a resistencia e moitos civís adéstranse para usar as armas se é necesario.

O presidente ucraíno continúa en Kíiv. Demóstrano dous vídeos que el mesmo colgou nas redes sociais. Un no seu despacho oficial e outro na rúa, no centro da cidade. Zelenski chama os ucraínos a resistiren e compara a invasión rusa coa primavera ucraína de 2014. Tamén desta, asegura, sairemos vencedores. 

A mensaxe cala entre a poboación. Día tras día en distintos puntos de Ucraína cidadáns civís impiden o paso de tanques rusos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade