Milleiros de persoas visitan a capela ardente de Isabel II en Londres
Milleiros de persoas visitan a capela ardente de Isabel II en Londres
Milleiros de persoas desfilan ante a capela ardente de Isabel II instalada no Parlamento británico dende as 6 desta tarde, hora galega.
O velorio será accesible ata as 7.30 do próximo luns, cando o féretro será trasladado á próxima abadía de Westminster para celebrar un funeral de Estado, ao que asistirán dignatarios de todo o mundo.
Multitude de persoas esperan pacientemente a súa quenda para despedirse de Isabel II en Westminster Hall. Algúns mesmo levan días acampados ao longo de máis de 10 quilómetros pola sur do río Támesis.
O cansazo é visible na cara da xente que chega a dar o último adeus á monarca.
Os voluntarios levan horas repartindo as pulseiras que dan luz verde ao acceso á capela ardente. Estes brazaletes comezaron coa cor amarela e cun número distintivo neles e irán variando co paso das horas e os días, para evitar escenas como as ocorridas en Edimburgo, cando unha muller chegou a acumular sete pulseiras para pasar sete veces a ver á raíña.
As persoas que acceden a Westminster tamén teñen que pasar un control no que vixían que ninguén entre con botellas de auga non transparentes, nin pancartas, símbolos polémicos, obxectos punzantes, flores ou tributos.
Tampouco se poderán facer fotografías nin gravar vídeos, e pídese a todos os asistentes que garden silencio durante o seu paso pola capela ardente.
Como forma de agradecemento ao esforzo de todos os que agardan a súa quenda, o arcebispo de Canterbury, Justin Welby, primado da Igrexa Anglicana, achegouse ás primeiras persoas da ringleira e saudounos un por un. "Deus bendiga a todos os que están nesta fila e os manteña quentes", dixo, antes de dirixirse a Westminster para dirixir o oficio en memoria da raíña.