Publicador de contidos
Publicador de contidos

Milleiros de persoas saen á rúa en Madrid en defensa da sanidade pública

Milleiros de persoas saen á rúa en Madrid en defensa da sanidade pública

Na protesta houbo, segundo datos da Delegación do Goberno, uns 250.000 manifestantes

En pleno conflito entre o persoal sanitario e o Goberno da Comunidade, a manifestación contou coa presenza de sindicatos, colectivos sociais e partidos políticos

G24.gal 12/02/2023 20:54 Última actualización 12/02/2023 21:14

Manifestación multitudinaria tamén en Madrid en defensa da sanidade pública. Centos de miles de persoas saíron á rúa para protestar polo que consideran un desmantelamento da atención primaria por parte do Goberno de Díaz Ayuso.

Foi unha manifestación multitudinaria polo centro de Madrid en defensa da sanidade pública. 

Na protesta participaron, segundo datos da Delegación do Goberno, unhas 250 mil persoas baixo o lema "Madrid levántase e esixe sanidade pública e solucións ao plan de atención primaria".

"Pecharon urxencias, están intentando pechar a primaria e sobrecargar os hospitais", di unha manifestante pertencente ao persoal sanitario.

"Queren privatizar e facer negocio", engade outro manifestante.

Catro columnas de manifestantes chegaban simultaneamente á praza de Cibeles desde Alcalá, Gran Vía, Atocha e Colón.

En pleno conflito entre o persoal sanitario e o Goberno autonómico, a manifestación contou coa presenza de sindicatos, 74 colectivos sociais e partidos políticos.

"Hai unha maioría que saíu á rúa a protexer a sanidade pública, que a sanidade pública non se venda", di Reyes Maroto, ministra de Industria e candidata do PSOE á alcaldía de Madrid.

"A nosa sanidade aguantou carros e carretas durante estes anos, aguantou a pandemia, os recortes do PP, pero non aguanta catro anos máis da neglixencia programada da señora Ayuso e do Partido Popular", asegura Mónica García, de Más Madrid.

Segundo os convocantes da protesta, a situación é especialmente dramática en atención primaria na Comunidade de Madrid. Segundo os seus datos, preto dun 27 % das persoas cun problema de saúde non puideron acceder ás consultas. De aí, o seguinte paso -denuncian- é o colapso das urxencias dos hospitais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade